Skip to main content

Un coloquio internacional explora as relacións culturais entre Galicia e Polonia

Promovido por CampUSCulturae, ademais de diversos relatorios abertos ao público, inclúe a exposición ‘Contos de fadas europeos ilustrados’ e un cineforum de curtametraxes de cinema polaco

O coloquio internacional ‘Galicia en Polonia, Polonia en Galicia’ celébrase este venres 11 e o sábado 12 organizado por CampUSCulturae en colaboración coa Universidade de Lodz (Polonia) e o Instituto de Cultura Polaca de Madrid. No acto inaugural, este venres 11 ás 17.00 horas na Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural (Colexio de Fonseca), intervirán o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira; a directora adxunta do Instituto de Cultura Polaca, Joanna Matyjasiak; a presidenta da Asociación Cultural Polonia en Galicia, Ewa Pawlowska; a ilustradora Joanna Wiszniewska-Domańska; e o coordinador do proxecto, Xosé A. Neira Cruz.

A directora do Instituto de Cultura Polaca en Madrid, Dorota Barys, pronunciará o discurso inaugural do coloquio aludindo á acción cultural exterior de Polonia a través do instituto que dirixe, seguida de Ewa Pawlowska que se referirá á presenza polaca en Galicia. Para pechar esta primeira xornada, a profesora da Universidade da Coruña Olga Osorio presentará a partir das 19.30 horas unha conferencia sobre a escritora e xornalista galega Sofía Casanova, primeira correspondente de guerra dende Polonia para os medios do seu tempo.

A xornada do sábado comezará ás 10.00 horas cunha serie de conferencias de Joanna Wiszniewska-Domańska, da xornalista Beata Jewiarz e de Katarzyna Krakowiak, que tamén serán as responsables da celebración dun obradoiro de ilustración. Pola tarde, o presidente da Asociación Histórica Cultural ‘Poland First to fight’, Alberto Trujillo abrirá a quenda de intervencións ás 16.30 horas cun relatorio sobre as mulleres polacas na loita pola liberdade, dando paso á celebración dun cineforum de curtametraxes de cinema polaco e á inauguración da exposición ‘ Contos de fadas europeos ilustrados’, que permanecerá nas instalacións da Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural ata o 25 de xaneiro de 2016. Composta pola obra de 30 ilustradores polacos e ucraínos, rematada a exposición pasará a formar parte de forma permanente dos fondos do Museo Internacional da Ilustración que o proxecto CampUSCulturae está a ultimar.

The contents of this page were updated on 12.10.2015.