Skip to main content

USC e Cetal intensifican a súa colaboración con dous convenios que regulan o uso de instalacións e espazos compartidos

De esquerda a dereita, Rancaño, López, Viaño, Bueno e Barreiro, na sede do Cetal
De esquerda a dereita, Rancaño, López, Viaño, Bueno e Barreiro, na sede do Cetal
O reitor Juan Viaño ve no Campus Terra unha oportunidade para fortalecer as relacións entre a USC e as institucións e empresas do ámbito agroalimentario

A USC e o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) reforzan e intensifican a colaboración institucional coa sinatura de dous convenios que regulan o uso uso de instalacións e espazos compartidos entre a propia sede do Cetal e a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC.

O reitor da USC, Juan Viaño, destacou no acto de sinatura destes acordos específicos, no que tamén participou o director xeral do Cetal, Javier López Viana, que a mellora das relacións entre as dúas institucións capitalizou desde o principio o traballo do actual equipo de goberno da USC. A finais de 2014 acometeuse a conexión interna entre o edificio que acubilla as novas instalacións da APTLA e o Cetal e tamén se estableceu o acordo para a posta en marcha da unidade mixta de microbioloxía especializada en Escherichia coli (UMMEC), liderada polo catedrático da USC Jorge Blanco Álvarez, lembrou Viaño. O comezo da actividade na nova sede da APLTA en xuño pasado fai necesario regular o uso das instalacións e espazos que comparte co Cetal, o que xustifica os novos convenios asinados entre as dúas institucións, dixo o Viaño. O reitor da USC explicou que, ademais de dar un bo exemplo para a sociedade, que a colaboración acordada permite optimizar recursos públicos, aforrar custes e potenciar sinerxías que favorezan os traballos de investigación e de transferencia tecnolóxica que se desenvolvan nos dous centros. Os edificios do Cetal e da APLTA comparten instalacións comúns de enerxía xeotérmica para climatización, de enerxía eléctrica, de subministración de auga e de equipamento para a extinción de incendios, instalacións de uso e aproveitamento compartido entre ous dous centros que agora quedan reguladas nun convenio, a través do que se establece a medición e o reparto de consumos, así como a redistribución dos gastos e o mantemento das mesmas, sinalou Viaño. O convenio que regula o uso de locais do Cetal por parte da APLTA establece no seu articulado as condicións de acceso e utilización de despachos, salas de reunións, salón de actos e sala de catas, ademais de fixar un marco de colaboración en aras dun emprego óptimo e eficiente de ditos locais para as dúas entidades, dixo o reitor. Viaño tamén adiantou que estes acordos contemplan a instalación da rede de voz e datos da USC en todos os locais do Cetal que sexan susceptibles de uso por parte de persoal da USC. Alén de manifestar publicamente o seu agradecemento á dirección do Cetal pola súa disposición para compartir espazos e instalacións coa USC, o reitor Juan Viaño apuntou o inminente desenvolvemento do proxecto do Campus Terra unha oportunidade para fortalecer as relacións entre a USC e as institucións e empresas do ámbito agroalimentario. “De seguro que este traballo conxunto vai permitir acadar obxectivos máis ambiciosos, que farán da cidade e do campus de Lugo un referente internacional na xeración de coñecemento no sector agroalimentario”, sentenciou o reitor da USC. O acto de sinatura destes dous novos convenios entre a USC e o Cetal citou na sede do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, ademais dos asinantes, ao vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro; o subdirector do Cetal, Pablo Rancaño, así como a investigadores e persoal da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC.

The contents of this page were updated on 12.09.2015.