Nova edición do obradoiro de técnicas de relaxación e meditación
A relaxación e a meditación como ferramentas de saúde é o argumento da cuarta edición do obradoiro que, con grande éxito de convocatoria, ofrece técnicas para desenvolver estas habilidades. A actividade está organizada pola Fundación USC Deportiva en colaboración coa spin-off da USC Xuntos, Atención Psicológica y Psiquiátrica. O obradoiro, a desenvolver en outubro, novembro e decembro, desenvolverase en 12 sesións para un grupo máximo de 15 participantes. Os contidos serán principalmente de carácter práctico e resaltarán os beneficios que comportan as técnicas de relaxación e a meditación, como a redución significativa do estres, a mellora da capacidade de concentración e atención, así como da respiratoria, o fortalecemento das relacións tanto persoais como familiares e sociais ou a sensación de benestar físico e psicolóxico, axudando na recuperación de distintas doenzas. Impartirán as distintas sesións a doutora en Psicoloxía Clínica de Xuntos e colaboradora da Unidade de Trastornos Depresivos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago, Elisabet Hermida, e Amancio Rial, profesor de Tai Chi, Kung Fu e Meditación da Fundación USC Deportiva. A actividade está aberta a toda persoa interesada na temática. As distintas sesións celebraranse todos os luns e mércores de 17:00 a 18:00 horas entre o 22 de outubro e o 1 de decembro na Sala Multiusos do Colexio Maior Rodríguez Cadarso. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web www.fundacionuscdeportiva.org.