A situación económica, a internacionalización e o cambio da organización docente e investigación serán os retos da USC para o curso 2014-2015

“Máis de dous mil docentes e investigadores e máis de mil traballadores de administración e servizos temos que lograr que 27.000 persoas teñan a mellor formación científica e humana posible. Este é o noso grao de area, a nosa máis importante contribución, para crear unha sociedade mellor e máis avanzada que asuma con valentía e éxito os grande desafíos que nos quedan por diante”. Con estas palabras o reitor Juan Viaño deu por iniciado o curso académico 2014-2015, nun acto protocolario celebrado este venres 5 no Colexio de Fonseca. A USC inicia o novo curso académico coa vista posta en tres grandes retos, “a economía da nosa institución, a internacionalización da nosa actividade e os cambios necesarios na organización docente e investigadora”. No desenvolvemente desta “folla de ruta” para os vindeiros meses, o reitor afirmou que “si queremos seguir sendo universidade temos que eliminar o déficit e a débeda”, polo que considera que “é imprescindible reducir ese déficit no máis curto prazo posible especialmente a través do aumento de ingresos pero tamén a través da redución de gastos”. Neste senso, Viaño lembrou o traballo que se está a desenvolver na definición dun novo plan de financiamento do Sistema Universitario Galego para o período 2016-2020. “Debemos deixar claro que representamos o 48% do PDI máis cualificado, o 61% da produción científica de calidade e o 52% do alumnado graduado no sistema universitario galego”, cifras que sitúan á institución docente compostelá nun plano “claramente superior ao 40% recoñecido no plan de financiamento autonómico que remata o vindeiro ano”. O reitor reiterou que non se trata de laiarse polo pasado, “senón de crear unha nova senda que nos permita avanzar no terreo económico a unha velocidade suficiente para non perder forzar e lograr manter unha docencia, unha investigación e uns servizos de calidade”. No relativo ao proceso de internacionalización, Juan Viaño desagregouno á súa vez en tres liñas que apuntan á docencia, cunha fiestra aberta aos estudantes estranxeiros, singularmente aos do espazo latinoamericano, a través das novas tecnoloxías; ao mundo da investigación, simplificando as colaboracións internacionais e logrando maiores cotas de éxito nas iniciativas que se emprendan; e ao emprendemento universitario. Finalmente, Viaño aposta por participar de xeito activo nos debates abertos que afectan directamente á universidade. Nomeadamente, referiuse ao proxecto do goberno central de cambiar a lexislación universitaria “con importantes modificacións como a duración dos estudos de grao e máster ou os requisitos de acceso ás titulacións”. O reitor reivindicou a necesaria participación das universidades nese debate, “a nosa opinión ten que ser escoitada e por iso creamos un entorno de debate interno que nos permita chegar aos foros de discusión nacionais cunha postura clara, definida e de interese. Debemos deixar os tempos do laio colectivo e exercer o que mellor sabemos facer: achegar coñecemento e sabedoría”. Do mesmo xeito, no espazo autonómico sinalou como elementos de especial interese o mapa de titulacións, o número mínimo de estudantes e o financiamento autonómico. Nos tres casos, “debemos proporcionar información e opinión cualificada para lograr, entre todos, crear as condicións para que a nosa sociedade teña a mellor formación superior”. No contorno universitario, o discurso do reitor apuntou que “xa iniciamos a senda da modernización” co Campus Vida e co Campus Terra, anteproxecto este último iniciado no anterior mandato e que vai ser totalmente revisado. A estes dous, sumarase o Campus da Cidadanía, “unha idea na que o eixe central son as Ciencias Sociais e Xurídicas e as Humanidades e que nos permitirá dar un impulso importante a estas grandes áreas de coñecemento, nas que traballan máis dun 60% dos nosos estudantes”. En conxunto, o obxectivo é “crear un ecosistema no que a comunidade universitaria teña as mellores condicións para avanzar na xeración e na transmisión do coñecemento” ao tempo que consolidar a “universidade completa e complexa que xa temos e que nos permitirá abrir unha nova era”. Memoria e lección maxistral O acto de inicio do novo curso serviu tamén para dar conta do relato dos principais indicadores e acontecementos acontecidos en 2013-2014. Así, a secretaría xeral Consuelo Ferreiro presentou a memoria dese curso, nunha intervención estruturada en oito apartados: internacionalización, estudantes, docencia, profesorado, investigación, xerencia e administración, cultura e medio ambiente. Polo que respecta á lección inaugural, desta volta o encargado de impartila foi o catedrático do Departamento de Física Química da USC José Vázquez Tato cun discurso que se desenvolveu baixo o título ‘Biomimetismo molecular’. Na súa alocución, Vázquez Tato subliñou que o material biolóxico serve como fonte útil de inspiración para o deseño estrutural en enxeñaría, para logo precisar que “ no biomimetismo, a natureza é vista como modelo ou mentora”. Logo de recoñecer que, consciente ou inconscientemente, en boa parte das facetas implicadas na investigación das ciencias experimentais continuamente emúlase o que a natureza pon á nosa disposición. Daquela, o catedrático Vázquez Tato coida que para minimizar os riscos no deseño de moléculas, os investigadores/as deben partir de imitar e mellorar os deseños que ofrece a natureza. Insignias Fonseca Dentro da mesma xornada, recibiron a Insignia Fonseca un total de once integrantes do cadro do Persoal de Administración e Servizos e 31 do Persoal Docente e Investigador. Esta é unha distinción que se lle entrega a aquelas persoas que levan máis de 30 anos prestando os seus servizos na institución universitaria en dedicación exclusiva ou por tempo equivalente. Tomaron a palabra Juan Lema Rodicio, en representación do profesorado, e Estrella Fernández Silva representando ao PAS. Do cadro do PAS recibiron a Insignia Fonseca Jesús Aran Castro, José Manuel Bandín Vara, Xosé Antón Cabanas Fernández, Amalia Díaz Sánchez, María Estrella Fernández Silva, Roberto Iglesias Garea, José Ubaldo López Botana, José L. Pérez Paz, Jesús Ratón Piorno, María Pilar Torres Salgado e Luís Germán Vázquez Cutrín. Por parte do persoal docente, impúxoselle a Mª del Pilar Alonso Martínez, Gonzalo Álvaro Álvarez Jurado, María Herminia Bollain Rodríguez, Regina Mª Castro Bolaño, Manuel Castro Cotón, José Miguel Couselo Sánchez, Mª del Carmen del Río Nieto, Manuel Susana Domínguez Pena, Javier Dors Lois, Joaquín Espinosa Gallego, María Isabel Fernández García, Luis Javier Gallego del Hoyo, Herminia María García Ruso, Luís Mª Hervella Torrón, Mª del Carmen Leirós de la Peña, Juan Manuel Lema Rodicio, Luis Martul Tobío, Mª del Carmen Masa Vázquez, Mª Lourdes Montero Mesa, Monserrat Nogueira Álvarez, Antonio Carlos Pereira Menaut, Eugenio F. Pérez Becerra, Andrés Precedo Ledo, José Luís Quiñoa López, José Mª Rioboo Almanzor, Elana Virginia Rodrigo Sáez, Xaquín Serxo Rodríguez Campos, María Josefina Rodríguez Galdo, Modesto Aníbal Rodríguez Neira, Gonzalo Serrano Martínez e Miguel Ángel Zabalza Beraza. A entrada dunha numerosa comitiva académica preceu o inicio do acto. Foto: Santi Alvite O reitor nun momento do seu discurso. Foto: Santi Alvite O acto contou coa presenza de diversas autoridades e representantes públicos. Fotos. Santi Alvite



