Ao longo dos graos o alumnado aprende grazas a vós os contidos das materias, a terminoloxía que se utiliza, a linguaxe de especialidade... Poden aprendelos só nunha lingua, nas dúas linguas oficiais ou en máis linguas. Depende de vós, dos vosos acordos á hora de impartirdes clases, das decisións que adoptades (ou non) cando aprobades os plans de ordenación docente.
Tamén poden aprender actitudes. Poden deducir que só certas linguas poderosas valen para o exercicio profesional se a maior parte da docencia que reciben se imparte só nelas. Ou poden aprender que todas as linguas son válidas; que os clientes, doentes, administrados/as, alumnas/os da súa futura vida profesional poden ser atendidos nas súas linguas. Poden aprender que en galego tamén pode haber excelentes médicas, enfermeiros, biólogas, odontólogos, farmacéuticas... porque os viron e escoitaron. Ensinas máis do que cres.
Lingua dos exames segundo as linguas da docencia
Cando un docente usa o galego o seu alumnado tamén o emprega moito máis. Nun estudo realizado en varios centros do Campus de Lugo, e corroborado tamén en Santiago, comprobouse que o mesmo grupo de clase usa o galego nos exames ata un 70% máis co profesor/a que lle imparte as clases neste idioma que co docente que o fai en castelán.
Usardes o galego nas aulas non lle supón ao alumnado problema ningún, como ben demostran aqueles centros con maior uso deste idioma, e si moitas vantaxes, pois deste xeito adquirirá os coñecementos e as competencias profesionais da súa titulación nas dúas linguas oficiais en Galicia polo menos. E actitudes máis proclives á igualdade, á diversidade e á xustiza lingüística.
E con competencias profesionais nos dous idiomas e actitudes lingüísticas xustas, os vosos alumnos e alumnas estarán mellor preparados para falaren cos seus doentes, para impartiren clases no ensino non universitario, para atenderen as súas clientas, para relacionarse cos seus administrados...
Pensádeo. A discusión e aprobación dos plans de ordenación da docencia para o vindeiro curso é un momento moi oportuno para reflexionardes sobre o voso papel no uso do galego na docencia e na adquisición de competencias e actitudes lingüísticas por parte do voso alumnado. Podedes preguntarvos se os usos lingüísticos do voso departamento e das titulacións que impartides son equilibrados ou se merecen un esforzo pra nivelalos.
Este é o momento para falardes dos usos lingüísticos docentes do departamento.
«Depende das decisións que adoptades nos POD»
«Podedes preguntarvos
se os usos lingüísticos
do voso departamento
son equilibrados»