Cinco compañías de danza presentarán o 11 e o 12 de abril en Lugo as súas coreografías

Cinco compañías universitarias de Galicia e de Portugal presentarán os vindeiros días 11 e 12 de abril no Museo Interactivo da Historia de Lugo as súas respectivas propostas coreográficas no marco do XII Encontro Universitario de Danza Contemporánea, un certame organizado pola USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural que converterá Lugo en capital da danza por dous días.O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o deputado delegado da área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos esta nova edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea.
Este programa artístico, que naceu co obxectivo de favorecer o intercambio cultural a través das distintas propostas coreográficas presentadas polas compañías de danza convidadas e tamén a través da propia convivencia dos compoñentes destas formacións, mantén intactas estas pretensións, así como a de achegar a danza universitaria á cidade a á sociedade luguesa. As compañías danzaUSClugo e danzaUSCompostela, así como a Aula de Danza Normal da UDC, TeatrUBI, da universidade portuguesa de Beira Interior, e a formación independente Kaos, nada tamén ao abrigo da USC, completan o cartel desta edición do Encontro de Danza Universitaria Contemporánea, un certame que presenta propostas “atractivas e innovadoras”, segundo dixo Zahera. As representacións das distintas coreografías programadas no marco deste XII Encontro de Danza Contemporánea da USC desenvolveranse na caixa negro do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) os días 11 e 12 de abril, a partir das 20.30 horas. A entrada é libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar o aforo e cada coreografía terá unha duración aproximada de 20 minutos. A compañía danzaUSCompostela abrirá a quenda de representacións o 11 de abril con ‘Onde se fugan as valentes’, unha peza con coreografía de Xiana Vilas e dirección artística de Juan Carlos Zahera na que os/as seis integrantes da compañía recrean a experiencia dun encontro entre mulleres e o punto de partida. Ao seu remate, os/as cinco bailaríns/as da Aula de Danza Normal da UDC presentarán no mesmo escenario do MIHL ‘Animais de hábitos nocturnos’, unha coreografía colectiva dirixida por Ruth Balbís, que versa sobre o cambio de comportamento diúrno e nocturno dos animais. A formación portuguesa da Universidade da Beira Interior TeatrUBI, que combina nas súas creacións o teatro e a danza, trae nesta ocasión a Lugo unha proposta innovadora ‘Diagnóstico: Desgosto Patolóxico’. Este coreografía, que é froito dunha adaptación libre a partir de ‘4:48 Psicose’, de Sarah Kane, a cargo de Rui Pires, quen tamén se ocupa da dirección artística, afonda na idea da psicose que produce a morte. Os/as cinco integrantes da compañía danzaUSClugo, dirixida por Juan Carlos Zahera, pecharán a primeira xornada do XII Encontro de Danza Contemporánea da USC con ‘Empatía’, unha coreografía de Rosa Acuña que presenta actitudes como a observación e a escoita como ferramentas para aprender a desenvolver unha vida mellor. Estas catro compañías de danza universitarias repetirán actuación no mesmo escenario o sábado, día 12 de abril, a partir das 20.30 horas. Esta xornada de clausura do certame contará tamén coa participación de Kaos, unha formación independente nada ao abrigo da USC, que estreará en Lugo a peza ‘A Fuxida’, unha coreografía colectiva na que reflexa como o caos empuxa a expresar sentimentos e fomenta as expresións.