Pasar al contenido principal

InvestigArte inaugura unha exposición coas mellores obras recibidas na segunda edición

InvestigArte inaugura unha exposición coas mellores obras recibidas na segunda edición
InvestigArte inaugura unha exposición coas mellores obras recibidas na segunda edición

O concurso Investigarte inaugura este martes 8 unha exposición coas 30 mellores obras presentadas á segunda edición desta convocatoria, seleccionadas de entre as máis de 250 propostas realizados por científicos e estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional co obxecto de mostrar de xeito visual aspectos científicos e tecnolóxicos. O obxectivo desta convocatoria era, a través da imaxe, explicar ás novas xeracións e á sociedade en xeral o alcance das innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas a proxectos de investigación. O acto inaugural da exposición así como a entrega de premios terá lugar este martes 8 ás 19.00 horas na Sede da Fundación Araguaney-Puente de Culturas no Hotel Eurostars Araguaney, coa presenza do vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; da directora da Fundación Ramón Dominguez, María Gómez-Reino; e do director xeral da Fundación Barrié, Javier López Martinez. A exposición co conxunto das obras estará aberta ao público ata o próximo 2 de maio na Fundación Araguaney, de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 horas. Posteriormente, poderá visitarse nas instalacións da Fundación Barrié en Vigo o próximo curso escolar 2014-2015. InvestigArte está organizado polo Campus de Excelencia Internacional da USC, Campus Vida; educaBarrié (a canle de comunicación coa comunidade educativa da Fundación Barrié); o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS); e a Fundación Ramón Domínguez (do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago). Na presente edición, a colaboración coa asociación ARSCIENCIA, tamén permitiu estrear unha categoría dirixida a profesores na que se valora a capacidade de involucrar ao alumnado na aprendizaxe de coñecementos científicos-tecnolóxicos por medio da arte ou viceversa Visitas guiadas De xeito paralelo coa exposición, InvestigArte organizará visitas guiadas para rapaces e rapazas de centros escolares de luns a sábado, entre as 11.00 e as 12.30 horas, a quen acompañarán alumnado da USC de graos afíns aos temas propostas (Bioloxía, Pedagoxía,...) en calidade de guías. Nestas visitas explicaranlle o obxecto desta iniciativa e o fío condutor que une as obras expostas para así conectar os traballos coa ciencia que se realiza día a día nos laboratorios. Ademais, prepararán unha actividade didáctica en forma de pequeno experimento. Para estas visitas de grupos será preciso formalizar a reserva no teléfono 981.559.612. Segundo os seus promotores, a edición de 2013/2014 foi todo un éxito tanto a nivel de participación por investigadores e escolares, como a nivel mediático a través da súa páxina web, www.investigarte.es. Ademais, a presente edición conseguiu tanto, dobrar os niveis de participación e visitas web coma expandirse a nivel nacional e internacional, o que “indica un claro afianzamento da iniciativa”. A seguinte fase da vixente edición será mostrar todos estes traballos a través de exposicións itinerantes que percorrerán a xeografía galega. Como xa sucedera coa primeira edición, a colaboración con educaBarrié permitirá que a mostra se achegue a un gran número de colexios de toda Galicia, para o que é preciso solicitala na web www.educabarrie.org. InvestigArte Esta é unha iniciativa que xurde a partir dun grupo de investigadores novos que, a través dun concurso científico-visual, buscan dar a coñecer a investigación que se está realizando na actualidade e como esta repercutirá no benestar da poboación. “A ciencia é un alicerce importante para a mellora da calidade de vida das persoas así como para fortalecer a economía dos países”, sinalan os seus promotores. Neste senso, InvestigArte tenta desenvolver novas canles de comunicación na difusión da ciencia, “en tanto que realidade pouco coñecida para o gran público” propiciando o achegamento dos grupos de investigación e os seus resultados á sociedade. Como apuntan os seus responsables, o concurso traza unha vía para facer chegar á cidadanía dun xeito claro e mesmo palpable a significación e o alcance do traballo realizado en laboratorios e centros de investigación, resaltando a relación directa existente entre progreso e ciencia. InvestigArte volverá abrir unha nova convocatoria a partir de Novembro deste ano, na que os investigadores de Hoxe e do Mañá poderán volver a ofrecernos a súa visión do mundo da ciencia e a tecnoloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.04.2014.