Pasar al contenido principal

Un recital de piano e violoncello levará pezas de Schumann, Prokofiev e Piazzolla ao Paraninfo da Universidade

Pezas de Robert Schumann, Sergey Prokofiev e Astor Piazzolla compoñen o concerto que o próximo día 22 interpretarán Alejandra Díaz ao violoncello e Andrea González Pérez ao piano nun recital no Paraninfo da Universidade que comezará ás 20.00 horas. Alejandra Díaz está considerada entre as violonchelistas máis destacadas da súa xeración. Finalista da Bolsa Internacional Pau Casals en 2010 e gañadora da Carnegie Palmer Award da Worshipful Company of Musicians en 2012, en 2014 seleccionárona para o LSO Discovery String Experience Scheme e o Encontro de Música e Academia Santander. Despois de completar o Bachelor Honours Degree con Oleg Kogan na escola Guildhall Schooll of Music and Drama de Londres, na actualidade finaliza o Guildhall Artist Master en Estudos Instrumentais Avanzados con Ursula Smith. Compartiu escenario con artistas como Tim Hugh e Gordan Nikolic e foi dirixida por algúns dos directores máis importantes do marco internacional como Valery Gergiev, Sir Colin Davis, Jaime Martin, James Gaffigan e Daniel Harding entre moitos outros. Participou en master clases públicas con violonchelistas de renome tales como David Etheve, Lluis Claret, Marçal Cervera, Reimund Korupp, Pieter Wispelwey, Antonio Lysy, Gary Hoffman, Alexander Baillie, Johannes Gorizki, Tim Hugh e Rebecca Gilliver. En 2010 é seleccionada para a LSO Academy e funda como directora artística e violonchelista o Solo Artist Ensemble, realizando o seu debut como solista interpretando o concerto para dous violonchelos de Vivaldi no Livery Hall de Londres. En maio deste ano realizará o seu debut como solista coa ACO interpretando o concerto para violonchelo de Schumann baixo a dirección de Germán Clavijo, membro titular da Orquestra Sinfónica de Londres. Andrea González Andrea González Pérez comeza a estudar piano á idade de oito anos con Carlos Enrique Pérez na súa cidade natal con quen continuará os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra obtendo o título profesional de Música de Grao Medio coas máis altas cualificacións. Paralelamente dende os 16 anos perfecciónase coa pedagoga Mª Jesús Crespo en Barcelona. Máis adiante é admitida no Conservatorio Superior de Música de Castellón co profesor Leonel Morales onde obterá con matrícula de honra o Título Superior de Música. No ano 2010 entra no Giuseppe Verdi de Milán, onde na actualidade estuda un Máster de Alto Perfeccionamento con Vincenzo Balzani. Ademais recibiu master clases por recoñecidos pianistas como Paul-Badura Skoda, Boris Berman, Luiz de Moura Castro, Diane Andersen ou Peter Bithell. É gañadora de concursos nacionais e internacionais como o International Piano Competition Fundao de Portugal, o Concurso Musical de Pontevedra, Concurso de Piano do Real Club Náutico de Vigo, Certame Nacional Veguellina de Órbigo, Certame Josep Serrano de Valencia e o Premio Fondazione Wagneriana di Milano. Ademais a súa carreira foi premiada polo Ministerio de Educación e Cultura de España e pola Fundación Segundo Gil que apoiou os seus estudos como bolseira. Andrea actúa como solista, en agrupacións de música de cámara e con orquestra tanto en España como no estranxeiro. Tocou nas famosas salas de concerto como a Amici Loggione do Teatro alla Scala de Milán, a Sala Rodrigo do Palau de Valencia, a sala Manuel de Falla de Granada ou o Palazzo di Villa Reale de Milán. En 2014 entre outros proxectos, Andrea difunde a descoñecida obra para piano do galego Fray Rosendo Salvado con motivo do seu bicentenario e interpretará o segundo concerto de Rachmaninov no Teatro Nacional da Habana en Cuba baixo a dirección do mestre Eduardo Díaz. A súa visión da música como un instrumento social e educativo levouna a cursar estudos de ‘Emprendimiento e Promoción Musical’ na Academia do Teatro alla Scala do Milán. Na actualidade é a presidenta da asociación ‘ Xuventudes Musicais de Tui’ e fundadora e directora do festival IKFEM International Keyboard Festival & Masterclass Eurocity Tui-Valença que se celebra no mes de xullo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.04.2014.