A Estación de Bioloxía Mariña da Graña presenta o seu novo escáner de alta resolución
A Estación de Bioloxía Mariña da USC na Graña incorpora un escáner MicroCT que será presentado este venres 16 ás 12.00 na sala de videoconferencia do edificio CACTUS, no Campus Vida. No acto participarán o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco García; o director da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT), Raúl Vieira; o director do Campus do Mar, Emilio Fernández; e profesor da USC, Victoriano Urgorri. Durante a presentación proxectarase un vídeo explicativo sobre as potencialidades desta ferramenta que permitirá aos grupos de investigación e empresas especializadas obter imaxes en alta resolución en dúas e tres dimensións, a partir de mostras de pequeno tamaño, dunha forma sinxela e non destrutiva, que lle facilitará o estudo en profundidade da estrutura interna e externa das mostras. Ademais, a presentación será retransmitida en streaming a través de CampusdoMarTV que habilitará unha canle de chat para que os/as internautas poidan trasladar as súas dúbidas ou cuestións en tempo real.