O Colexio de Enxeñeiros Agrónomos entrega este martes Premios Fin de Carreira e insignias a titulados/as da Escola Politécnica
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia celebrará este martes, a partir das 18.00 horas, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, a cerimonia de entrega de insignias e diplomas a enxeñeiros/as agrónomos novos/as titulados/as da Escola Politécnica Superior de Lugo, así como dos Premios de Fin Carreiro aos estudantes agasallados/as.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e o alcalde do Concello de Lugo, José López Orozco, presentarán este acto, que comezará cun relatorio sobre o cometido do enxeñeiro/a agrónomo na conservación da natureza, a cargo da directora Xeral de Conservación de Natureza, Verónica Tellado Barcia. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o director da Escola Politécnica Superior da USC, Javier Bueno Lema, e o decano e a secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Pedro Calaza Martínez e Alejandra Álvarez de Mon Rego, respectivamente, procederán ao remate do relatorio, á entrega de insignias e diplomas aos novos enxeñeiros/as agrónomos egresados/as da EPS, ademais dos Premios Fin de Carreira aos estudantes agasallados. Esta cerimonia académica, organizada tamén co gallo da celebración do patrón dos enxeñeiros/as agrónomos, concluirá coa presentación do libro ‘Escenarios profesionais do Enxeñeiro Agrónomo’, cuxa autoría corresponde a Joaquín Giménez de Azcárate Moreno, colexiado número 17 do COIAG.