Pasar al contenido principal

A USC convoca a sexta edición do master en Enxeñaría da Madeira Estrutural, cuxa inscrición estará aberta ata o 4 de xullo

Este posgrao propio da USC é o único en España centrado nas posibilidades da madeira como material de construción

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela vén de convocar a sexta edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao propio da USC organizado en colaboración con Confemadera Hábitat Galicia a través do que máis de 160 arquitectos e enxeñeiros teñen ampliado a súa formación ao longo das cinco edicións anteriores.

O prazo de inscrición neste máster xa está aberto e as persoas interesadas poderán formalizar a súa pertinente solicitude a través da páxina web de Pemade (www.pemade.com) ata o vindeiro 4 de xullo. Nesta nova edición, o máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural ofrece un total de 30 prazas para enxeñeiros e arquitectos que queiran ampliar os seus coñecementos en estruturas de madeira a través dun programa de formación teórica e práctica que ten unha duración de 500 horas. A metade das sesións formativas programadas ao abeiro deste máster poderán completarse en liña a través da plataforma Adobe Connect, mentres que as sesións presenciais restantes terán lugar nas dependencias da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. O programa deste título de posgrao propio da USC permitirá ás persoas inscritas afondar en distintos aspectos sobre a produción de madeira, silvicultura e xestión forestal sostible, así como ampliar coñecementos sobre as propiedades tecnolóxicas da madeira, a súa clasificación e caracterización. O temario do programa, que é o único posgrao ofertado polas universidades españolas centrado nas posibilidades da madeira como material de construción, complétase con prácticas en laboratorio, visitas a obras singulares e a empresas do sector en Galica. Asemade, este posgrao tamén implica desenvolver un proxecto de fin de máster. Ao remate da formación, as persoas tituladas teñen a posibilidade de inscribirse nun rexistro de especialistas en madeira estrutural que pon en contacto este colectivo de profesionais coas empresas do sector, de cara a mellorar as posibilidades de emprego. Cadro docente con 62 profesores e participación de 9 universidades O cadro docente conta con 62 profesores de perfil académico, investigador e profesional que proceden das universidades de Santiago de Compostela, Politécnica de Madrid, Vigo, Valladolid, A Coruña, Oviedo e Estremadura. O programa inclúe profesorado internacional das universidades de Campinas (Brasil) e Trento (Italia). A formación complétase con profesores dos centros tecnolóxicos da madeira de referencia en España como CIS Madeira, CETEMAS, AITIM e INIA, xunto con profesionais da arquitectura, a enxeñaría e empresas do sector da madeira. Confemadera Hábitat Galicia A industria de transformación da madeira e o moble é un dos sectores estratéxicos de Galicia. Segundo o Instituto Galego de Estatística, o seu peso é superior ao da pesca extractiva, ao do sector téxtil-confección ou ao de transformación da pesca, xa que representa o 9,9% do valor engadido industrial e o 12,4% de emprego industrial. O IGE destaca o papel relevante nas economías locais, en 52 concellos rurais esta actividade industrial representa o 30% das industrias asentadas. A facturación desta industria en Galicia ascende a 1.668 millóns de euros, e as exportacións suman 769,9 millóns de euros. O emprego directo supera os 20.000 e o indirecto a 50.000.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2014.