Pasar al contenido principal

Universidades de Azerbaijan, Kyrgyzstan, Tajikistan e Ucraína visitan a USC para recibir asesoramento na xestión de relacións internacionais

A USC recibe este mércores aos representantes das Universidades de Azerbaijan, Kyrgyzstan, Tajikistan e Ucraína aos que asesorará para mellorar as súas relacións internacionais dentro do programa TEMPUS UNIVIA PROJECT WORKSHOP, un proxecto que pretende desenvolver e mellorar a xestión das relacións internacionais das universidades destes países. Permanecerán en Santiago toda a semana para coñecer en profundidade o funcionamento da USC en materia de relacións internacionais, tempo durante o que participarán en diferentes presentacións e visitas aos campus de Lugo e Santiago. A súa visita comeza este mércores 21 coa recepción do reitor Juan Casares e asistirán a diversas sesións de traballo nas que responsables do Servizo de Relacións Exteriores lles explicarán o funcionamento e planificación deste servizo na USC e os programas internacionais de mobilidade e intercambio nos que participa a institución académica, así como o seu financiamento. No programa de actividades inclúense visitas aos dous campus para coñecer tanto o patrimonio cultural como os recursos científicos da USC. No programa participan os representantes da State Economic University e da Ganja State University en Azerbaijan, da Poltava University of Economics and Trade de Ucraína, da International University de Kyrgyzstan, do Institute of Entrepeneurship and Service de Tajikistan, así como os enviados para esta cuestión do Ministerio de Educación e Ciencia de Kyrgyzstan e do Ministerio de Educación de Tajikistan.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2014.