Pasar al contenido principal

A Memoria Económica da USC 2013 obtén a aceptación do Consello de Goberno

A Memoria Económica da USC correspondente a 2013 obtivo a aceptación do Consello de Goberno logo do seu exame na xuntanza extraordinaria celebrada este mércores en San Xerome. O seguinte paso será a súa aprobación no Consello Social. Para a análise do documento, a vicerreitora de Economía e Financiamento, Sara Cantorna, presentou o informe da auditoría externa, as contas anuais e o informe de xestión. O patrimonio da USC a 31 de decembro de 2013 ascendía a 378,93 millóns de euros cunha débeda que a finais do pasado ano se situaba en 52,47 millóns de euros e que a estas alturas de ano tense reducido noutros dous millóns de euros. A maioría desta cantidade, 30 millóns de euros é con entidades de crédito e os 22,47 millóns restantes en concepto de anticipos reembolsables. No pasado ano, o orzamento de ingresos prorrogado do exercicio 2011 liquídase cuns dereitos recoñecidos por importe de 228,31 millóns de euros, cifra que supón 15,35 millóns de euros menos con respecto aos do exercicio anterior (243,66 millóns de euros) equivalente a unha diminución do 6,30%. Como explicou a vicerreitora na xuntanza do Consello de Goberno, dende o ano 2010 devolvéronse en concepto de débedas e anticipos preto de 33 millóns de euros, cantidade que se aproxima aos 35 millóns se se teñen en conta os intereses pagados. Este esforzo está tamén relacionado co exercicio de contención do gasto na institución académica diminuíndo nos últimos tres anos en 30 millóns de euros. Segundo a información presentada, na actualidade as contas da USC teñen pendente de ingresar case 20 millóns de euros por diferentes conceptos e 16.277 euros pendentes de pago. En total, o remanente de tesourería ascende a 47 millóns de euros. A vicerreitora Sara Cantorna destacou no Consello de Goberno que a auditoría realizada por ATD Auditores presenta “un informe limpo, sen salvedades” que vén refrendar o traballo técnico de xestión desenvolvido. Como novidade fronte a anos anteriores, a información presentada no Consello de Goberno incorpora no informe de xestión a aplicación de técnicas de contabilidade analítica, campo no que a Universidade de Santiago é pioneira en todo o estado pola aplicación do modelo ‘Canoa’ de contabilidade para universidades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.05.2014.