A pontevedresa Letizia Silva gaña o concurso de deseño do logotipo do Grupo de Innovación Docente de Enxeñaría Civil da USC

A pontevedresa Letizia Silva Fernández gaña o concurso de deseño do logotipo do Grupo de Innovación Docente de Enxeñaría Civil (GIDEC) da USC, logo de que o xurado encargado de fallar este certame acordara por unanimidade premiar a proposta realizada por esta estudante do Ciclo Superior de Produción e Industrias Gráficas no IES Montecelo de Pontevedra.
O xurado encargado de fallar este certame, cuxas bases establecen como premio para a proposta gañadora unha tableta electrónica de 10 pulgadas, destacou a orixinalidade do deseño realizado por Letizia Silva, así como a súa beleza estética e o simbolismo da actividade docente e da actividade profesional asociada á enxeñaría civil, tal e como establecían as bases deste concurso, a través do que o GIDEC da USC busca fortalecer e a súa identidade corporativa e acadar unha maior visibilidade. O xurado, que estivo formado polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o subdirector de Organización Académica da Escola Politécnica Superior da USC, Tomás Cuesta; a secretaria do centro universitario lugués, Ana Isabel García; o coordinador do título de grao en Enxeñaría Civil da USC, Alberte Castro, e o profesor da área de Enxeñería do Terreo e membro do Grupo de Innovación Docente de Enxeñaría Civil (GIDEC), Carlos Núñez, acordou a súa decisión por unanimidade. Aínda así, todos os membros do tribunal destacaron a orixinalidade a a calidade de todas as propostas recibidas. Unha vez seleccionado o logotipo do Grupo de Innovación Docente de Enxeñería Civil da USC, un colectivo creado en 2011 co obxectivo de promover a implantación de novas metodoloxías docentes baseadas na aprendizaxe cooperativa, e-learning, desenvolvemento de proxectos..., este será empregado como imaxe corporativa do GIDEC, tanto na súa páxina de Facebook (www.facebook.com/gidec) como en todas as súas comunicacións. A entrega do premio establecido nas bases do concurso para o gañador celebrarase nos vindeiros meses na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, no transcurso dunha sesión pública cuxa data aínda están sen determinar.