USC, UVigo e CSIC colaborarán na formación de arqueólogos
O Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, na súa dobre vertente profesionalizante e investigadora, aspira a formar arqueólogos que poidan desenvolver o seu labor profesional neste campo nos próximos anos. Os estudos, que foron presentados esta semana en Ourense están coordinados pola USC e contan coa participación a UVIgo e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC.
O máster componse dun módulo obrigatorio no que se tratan aspectos básicos dunha prospección arqueolóxica, dende o tratamento do lugar ata a lexislación na materia. Outros dous módulos optativos permiten aos participantes especializarse en arqueoloxía ou historia do mundo clásico. No primeiro caso pretende que o alumno profunde nos aspectos relacionados coa prehistoria e a arqueoloxía do Noroeste da Península Ibérica, así como nalgúns aspectos moi concretos de tecnoloxía arqueolóxica, mentres que no segundo, de historia do mundo clásico, oriéntase principalmente a estudantes que desexen realizar unha tese de doutoramento no ámbito da historia antiga. A superación do curso permite o acceso ao programa de doutoramento Historia, Xeografía e Arte da USC e ao Protección do Patrimonio Cultural da UVigo.
O máster pretende capacitar ao alumnado para afrontaren as actividades arqueolóxicas reguladas polo decreto 199/1997 do 10 de xullo da comunidade autónoma de Galicia, incluíndo prospeccións, sondaxes, escavacións arqueolóxicas, xestión e identificación de materiais, así como a aplicación de diferentes técnicas arqueométricas e das novas tecnoloxías. O alumnado ten que realizar un traballo fin de máster para superar os estudos e o programa conta con prácticas externas optativas a realizar en empresas e entidades especializadas en traballos arqueolóxicos, ten unha duración dun curso académico e impártese en horario de mañá.