Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría e Cáritas de Santiago favorecen a inserción laboral de persoas en risco de exclusión co proxecto 'AHortas'

López Fabal, Carlota López, José Anuncio Mouriño e Tomás Cuesta, na EPS de Enxeñaría
López Fabal, Carlota López, José Anuncio Mouriño e Tomás Cuesta, na EPS de Enxeñaría
O centro universitario lugués apoia o programa de horticultura ecolóxica da Fundación Cáritas de Compostela con diñeiro do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2017

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC favorece a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social a través da súa implicación no proxecto de explotacións de horticultura ecolóxica 'AHortas', unha iniciativa liderada pola Fundación Cáritas Diocesana de Santiago e a cuxo financiamento o centro universitario lugués achega parte da gratificación económica asociada ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural recibido en 2017 como recoñecemento ao traballo desenvolvido a prol do medio rural durante os últimos 50 anos.

O proxecto ‘AHortas: Explotacións de horticultura ecolóxica, formación e inserción laboral’ é unha aposta por modelos de economía social e solidaria inclusivos para a maior parte da poboación, baseados no respecto polo medio ambiente, sustentables e que promocionan a xustiza e o ben común. Un destes modelos a través dos que Cáritas trata de facilitar o acceso de persoas en risco de exclusión ao mercado de traballo é a agroecoloxía. O director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, salientou que esta aposta pola agroecoloxía propiciou o decidido apoio do profesorado dos títulos de grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e de Enxeñaría Forestal e do Medio Natural a coalaborar neste proxecto de Cáritas.

Cuesta realizou estas declaracións este martes no marco da entrega da gratificación económica realizada pola EPS de Enxeñaría ao programa AHortas ao director da Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, José Anuncio Mouriño Ramos, un acto de solidariedade e sensibilización social no que tamén participou a adxunta á dirección de Aresa, Carlota López, e o tamén profesor da EPS de Enxeñaría Adolfo López Fabal.

Os piares sociais do programa AHortas son a formación e capacitación de persoas en risco de exclusión social durante un período de oito meses e o traballo pola mellora da empregabilidade e das habilidades sociais e de inserción das persoas que traballarán nas explotacións hortícolas que participan neste proxecto.

O programa AHortas, cuxo obxectivo principal é a capacitación das persoas participantes na produción, transformación e comercialización de produtos agrarios ecolóxicos, ben mediante a creación de iniciativas emprendedoras ben a través da súa incorporación laboral a empresas xa operativas, contempla varias liñas de actuación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.06.2019.