Estudantes tinerfeños reciben na Politécnica o premio ao vídeo máis votado da D3Mobile Metrology World League

Os estudantes tinerfeños do colexio Nuryana, de La Laguna, Cristo Manuel Bethencourt Rodríguez e Talía Cabello García, acompañados de Luis Ortiz de Lejarazu, profesor do citado centro educativo insular, visitaron este martes a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo para recoller o premio ao vídeo máis votado da D3Mobile Metrology World League, un campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela Uscan3D en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e que pretende estimular vocacións científicas entre os estudantes de ensino medio.
O director en funcións da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta; a coordinadora do grupo de investigación Uscan3D, Mariluz Gil Docampo, e o director do proxecto D3Mobile, o tamén profesor da USC e director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz, entregaron os premios aos tres membros do equipo galardoado, aos que logo acompañaron nunha visita guiada polas instalacións do centro universitario lugués. A cerimonia oficial de entrega de premios da D3Mobile Metrology World League celebrarase o vindeiro xoves, a partir das 12.00 horas, na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, no marco dunha sesión na que participarán representes dos distintos organismos promotores e colaboradores do certame, ademais dos equipos que resultaron gañadores nalgunha das distintas modalidades que presenta a D3Mobile Metrology World League.