Pasar al contenido principal

Estudantes de Formación de Profesorado desenvolven material didáctico para a aprendizaxe de persoas cegas

Material didáctico específico para empregar con persoas cegas ou con discapacidade visual desenvolvido por estudantes de Formación de Profesorado
Material didáctico específico para empregar con persoas cegas ou con discapacidade visual desenvolvido por estudantes de Formación de Profesorado
A delegación da Once en Lugo empregará maquetas bi e tridimensionais e contos táctiles infantís realizados polos futuros mestres/as nas súas actividades cotiás

A Facultade de Formación de Profesorado do Campus de Lugo acolleu este martes o acto de entrega á delegación da Organización Nacional de Cegos (Once) en Lugo de diverso material didáctico específico para persoas con diversidade funcional deseñado e elaborado por alumnos/as dos graos en Mestre/a de Educación Infantil e Mestre/a de Educación Primaria, baixo a coordinación de dúas mestras especializadas en cegueira e discapacidade visual.

As diferentes maquetas bi e tridimensionais e os contos táctiles infantís, con escritos en galego español utilizando código Braille, realizados por estudantes dos graos de Mestre en Infantil e Primaria na facultade luguesa, antóllanse como un material de gran utilidade para traballar de xeito específico con persoas cegas ou con discapacidade visual, segundo puxo de manifesto o decano da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo na cerimonia de entrega deste vistoso material didáctico. Francisco Rodríguez Lestegás sinalou que o desenvolvemento destas ferramentas educativas moi acaídas para persoas cun diversidade funcional específica como é a discapacidade visual ou a cegueira, encádrase no marco de colaboración que mantén a Facultade de Formación de Profesorado de Lugo coa Organización Nacional de Cegos de España (ONCE) en aras a mellorar e avanzar no que atinxe á atención á diversidade no plano educativo. A atención ás persoas con diversidade funcional é unha das premisas que está presente de xeito transversal na formación dos futuros mestres, especialmente a través de dúas materias que afondan especificamente nesta tarefa: Dificultades de aprendizaxe e trastornos de desenvolvemento e Escola inclusiva e necesidades educativas especiais, salientou Rodríguez Lestegás. Este preocupación, engadiu o decano, reforza ademais a convicción de que todas as persoas poden aprender, polo que os profesionais encargados da súa educación deben contar cos recursos necesarios para axudarlles neste proceso de aprendizaxe. O director da delegación lucense da Once, Roberto Doval Sánchez, acompañou ao decano da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo no acto durante o que se formalizou a entrega á Once de todo o material realizado polos estudantes, unha sesión desenvolvida nun salón de actos ateigado de universitarios/as e que contou tamén coa participación das dúas profesoras especialistas en traballar con persoas cegas ou con discapacidade visual e que foron as que supervisaron a elaboración dos contos táctiles infantís e tamén das distintas maquetas bi e tridimensionais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2014.