O reitor recibiu ao alumnado maior de 25 anos que superou as probas de aceso á Universidade

O reitor Juan Casares recibiu este martes 6 de maio aos alumnos maiores de 25 e 45 anos que superaron as probas de acceso á Universidade en Galicia na súa última convocatoria. O acto de recoñecemento e benvida tivo lugar no Salón de Graos do Colexio de San Xerome e ademais do reitor, asistiron tamén o representante da USC na CiUG, Jaime Romero López Grado, e o presidente do Tribunal Único, Ramón Bravo. No acto, o coordinador do programa ‘A Ponte ente o Ensino Medio e a USC’, Luis Hervella, explicou aos asistentes a oferta de estudos, bolsas, residencias e ofertas culturais e lúdicas da USC e escoitaron a experiencia persoal do estudante de Odontoloxía Daniel Ruíz Casalderrey, que tamén accedeu á universidade a través das probas de acceso para maiores de 25 anos. Os recén chegados recibiron os seus correspondentes diplomas que acreditan que eles tamén superaron as probas. Visita ao patrimonio da USC Entre as actividades programadas para darlle a benvida ao alumnado, o programa A Ponte organizou unha visita ao patrimonio cultural da USC na que participaron os recén chegados. Son un total de 58 persoas, 47 maiores de 25 anos e 11 maiores de 45 anos, que antes da recepción oficial visitaron o Salón Nobre de Fonseca, a Biblioteca América, o Paraninfo e a Biblioteca da Facultade de Historia nunha primeira toma de contacto coa Universidade de Santiago.