Pasar al contenido principal

Formación do Profesorado entrega este martes á ONCE material didáctico específico para persoas con diversidade funcional

O decano Francisco Rodríguez Lestegás e o director da ONCE en Lugo, Roberto Doval, participarán no acto de entrega dos traballos elaborados por estudantes do centro

A Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo acollerá este martes, a partir das 11.30 horas, no salón de actos do centro universitario, o acto de entrega do material didáctico específico para persoas con diversidade funcional deseñado e elaborado por alumnos/as dos graos en Mestre/a de Educación Infantil e Mestre/a de Educación Primaria, baixo a coordinación de dúas mestras especializadas en cegueira e discapacidade visual.

A cerimonia de entrega deste material didáctico específico para persoas con diversidade funcional encádrase no marco de colaboración que manteñen desde hai anos a Facultade de Formación de Profesorado de Lugo coa Organización Nacional de Cegos de España (ONCE) en aras a mellorar e avanzar na atención á diversidade no plano educativo. Este obxectivo, que está presente de xeito transversal na formación dos futuros mestres, a través de dúas materias que afondan especificamente nesta tarefa, tales como o son Dificultades de aprendizaxe e trastornos de desenvolvemento e Escola inclusiva e necesidades educativas especiais, reforza ademais a convicción de que todas as persoas poden aprender, polo que os profesionais encargados da súa educación deben contar cos recursos necesarios para axudarlles neste proceso de aprendizaxe. O decano da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, Francisco Rodríguez Lestegás, presidirá esta acto, ao que tamén asistirá o director da Axencia da ONCE en Lugo, Roberto Doval Sánchez, e durante o que se formalizará a entrega á ONCE das maquetas bidimensionais e tridimensionais deseñadas para favorecer o acceso ao coñecemento das ciencias naturais ao alumnado que presenta diversidades funcionais relacionadas coa cegueira ou coa discapacidade visual. Outra das accións desenvolvidas ao abeiro deste programa de colaboración entre a Facultade de Formación de Profesorado da USC e a ONCE atinxe á elaboración de contos táctiles destinados aos nenos e nenas de educación infantil, escritos en galego e español e nos que se emprega o código Braille.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.05.2014.