Pasar al contenido principal

A música de Vertixe Sonora, Ulobit, Carlos Suárez, OHN e Dj. Dr Think será protagonista de ‘Sons Creativos’ do 20 ao 29 de maio

Mario Outeiro, Pedro García Herradón, Carmen Basadre e Inmaculada Cárdenas, na presentación de 'Sons Creativos'
Mario Outeiro, Pedro García Herradón, Carmen Basadre e Inmaculada Cárdenas, na presentación de 'Sons Creativos'
Un concerto de improvisación ao aire libre na Praza Maior a cargo do GCSUS e aberto a músicos que traballen en prácticas experimentais, pechará este programa o 6 de xuño

A plataforma de intercambio cultural para a difusión e creación electroacústica e da arte sonora ‘ Sons Creativos’, unha iniciativa a prol das novas propostas no ámbito da música contemporánea promovida polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) e dirixida nesta sexta edición por Inmaculada Cárdenas, Arturo Vaquero e Xoán Xil López, cederá todo o protagonismo musical a novos grupos e artistas galegos, tales como Vertixe Sonora Ensemble, Ulobit, Carlos Suárez, OHN (María Roja e Berio Molina) ou o Dj lugués Dr. Think, nun ciclo de catro concertos que se celebrarán os días 20, 22, 27 e 29 de maio no auditoiro da Casa do Saber de Lugo.

A nova programación da sexta edición de ‘Sons Creativos’ constitúe un cambio significativo da idea inicial coa que naceu este proxecto, creado para impulsar a difusión das músicas electroacústicas e das propostas da arte sonora a través da celebración dun espazo de encontro e foro de intercambio cultural, investigación e creación sonora. A sexta edicións de ‘Sons Creativos’ céntrase, sen embargo, na difusión, a través dun ciclo de concertos de artistas e grupos galegos. Un concerto de improvisación ao aire libre, baixo o título xenérico ‘Quiosco aberto mundo urbano/mundo natural’, no que participarán membros do Grupo de Creación Sonora da USC, así como todos aqueles músicos innovadores que queiran sumarse á iniciativa, servirá de colofón a esta nova edición de ‘Sons Creativos’, un programa presentado este mércores na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo polo vicerreitor Pedro García Herradón. A directora do GCSUS, Inmaculada Cárdenas Servián; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o deputado provincial delegado da área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, tamén participaron na presentación deste programa de arte sonora e electroacústica, financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural. Programa de concertos Vertixe Sonora Ensemble abrirá o vindeiro martes, día 20 de maio, na Casa do Saber de Lugo, o ciclo de concertos da sexta edición de ‘Sons Creativos’. Na actuación, que comezará ás 20.30 horas, os compoñentes de Vertixe Sonora Ensemble reproducirán algunhas composicións electrónicas históricas do Instituto de Sonoloxía da Haia, para logo interpretar obras de Sefan Prins, Germán Alonsoe Milica Djordjevich. Ao remate do seu repertorio, o DJ lugués Álvaro Pardo, coñecido como DJ. Dr. Think, fará un remix das obras do concerto. A estrutura deste primeiro concerto de Sons Creativos será a mesma que rexa nas actuacións de Carlos Suárez, Ulobit e OHN, programadas para os días 22, 27 e 29 de maio. Todos os concertos, que comezarán ás 20.30 horas, serán no auditorio da Casa do Saber de Lugo, onde o DJ Dr. Think pechará cada actuación cun remix das obras interpretadas. A entrada para estas actuacións é libre e de balde ata completar o aforo. O concerto de improvisación ao aire libre ‘Quiosco aberto mundo urbano/mundo natural’, a cargo do Grupo de Creación Sonora da USC e no que tamén poderán participar todos os músicos que traballen con propostas innovadoras ou de experimentación. Os artistas interesados/as deben formalizar a súa inscrición antes do 30 de maio na Área de Cultura do Campus Lugo, cuxas oficinas están na Vicerreitoría de Coordinación. Para opter máis información ao respecto tamén se pode chamar ao número de teléfono 982 821 513 ou a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.05.2014.