Pasar al contenido principal

campUSCulturae inaugura a Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural

De esquerda a dereita: Irene García, Mª Isabel Casal, Casares Long e Xosé A. Neira (Foto: Santi Alvite)
De esquerda a dereita: Irene García, Mª Isabel Casal, Casares Long e Xosé A. Neira (Foto: Santi Alvite)

Fomentar iniciativas en prol do libro, a lectura e a diversidade cultural e lingüística é o obxectivo da Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural que conta con preto de cinco mil volumes de 60 contextos culturais distintos e linguas do mundo e que inaugurou o reitor Juan Casares, a directora da Biblioteca Universitaria, Mª Isabel Casal, e os coordinadores do proxecto campUSCulturae, Xosé A. Neira e Irene García. O reitor salientou o labor desenvolto por campUSCulturae dende a súa creación destacando a inauguración desta biblioteca como un logro feito realidade e explicou que é a ocasión propicia para reforzar a universalidade que lle é propia, por nome e por misión, á universidade. Mª Isabel Casal pola súa parte destacou que os estatutos da Universidade recollen as bibliotecas da institución son un servizo básico que deben servir para facilitar a información atendendo as necesidades dos seus usuarios, cometido que cumpre este novo espazo e Irene García explicou que o obxectivo da Biblioteca é romper fronteiras e dar voz a todas as culturas e todas as persoas. O centro, que se sitúa nas instalacións da Biblioteca Xeral no colexio de Fonseca, posibilita o acceso á literatura de creación e científica relacionada coas distintas culturas e linguas do mundo. Os seus fondos foron doados por particulares e institucións internacionais que quixeron participar no proxecto campUSCulturae e contou ademais co apoio da Culture Agency pola súa especial atención ás minorías lingüísticas e culturais de todo o mundo con publicacións en sardo, bretón, galés, copto, swahili, afrikaans ou romaní a nivel internacional e aragonés, aranés e asturiano, entre outros, na península. Ademais de contemplar a diversidade lingüística, a biblioteca CampUSCulturae ofrece tamén contidos relacionados con usos e costumes culturais en perigo de extinción, grupos con necesidades especiais para o acceso da cultura con linguaxes en signos, por exemplo, e outros relacionados coa diversidade relixiosa ou sexual. A literatura infantil e xuvenil goza dun espazo destacado na Biblioteca especialmente no relativo a albumes ilustrados e revistas. A iniciativa conta cun portal web trilingüe (galego, castelán e inglés) campusculturae.com no que se pode realizar buscas bibliográficas e hemerográficas, así como para o desenvolvemento de diversas actividades relacionadas coa promoción e creación artística e literaria. Actividades No espazo da biblioteca campUSCulturae articúlase unha zona de exposicións e unha sala para investigadores e presentacións literarias. Ademais albergará actividades periódicas relacionadas coa dinamización lectora, o libro, a diversidade cultural e a lectura. A primeira delas é a exposición ‘Todos os Mundos O Mundo’, coa obra do ilustrador mallorquino Pep Carrió e do fotógrafo galego Pablo Prados que se pode visitar dende este martes e que contou como conferencia inaugural coas reflexións dos autores da mostra con ‘Desque son libro’ a cargo de Pep Carrió e ‘Desque son lector’ a cargo de Pablo Prados á que asistíu o alumnado de varios centros escolares de Compostela.

A Biblitoeca Internacional da Diversidade Cultural está situada nas instalacións da Biblioteca Xeral no Colexio de Fonseca (Foto: Santi Alvite)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.05.2014.