Clausurouse o curso Cultura Galega e Camiño de Santiago
O Curso de Cultura Galega e Camiño de Santiago organizado por Cursos Internacionais da USC clausurouse este xoves en Ciencias Políticas coa asistencia dos 25 estudantes da Universidade de Michigan que participaron nel, acompañados da catedrática de Literatura da mesma universidade norteamericana, Cristina Moreiras. A clausura presidiuna a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud, nunha sesión que contou coa actuación de Uxía e Narf. Os estudantes americanos tiveron a ocasión de participar nun programa de seis semanas de duración centrado no estudo da lingua e cultura española e galega desde unha perspectiva multidisciplinar. Así, a partir do estudo do español achegáronse á cultura galega para coñecer autores como Rosalía e Castelao e coñeceron a historia e o presente do Camiño de Santiago. Realizáronse ademais campus vivenciais que integran actividades de entretemento coa inmersión lingüística e cultural en cidades e vilas de Galicia como Ourense, Pontevedra, Lugo, o Parque Nacional Costa das Illas do Atlántico ou O Grove. Precisamente estas accións de inmersión cultural supoñen un valor engadido aos programas que ofrece Cursos Internacionais, que facilitan un contacto directo do alumnado coa realidade cultural e socioeconómica da zona.