Pasar al contenido principal

Ás 12.51 horas do sábado 21 comeza o verán

Ás 12.51 horas do sábado 21 comeza o verán
Ás 12.51 horas do sábado 21 comeza o verán

Este sábado 21 ás 12.51 horas comezará o verán no hemisferio norte, prolongándose até as 4.29 horas do 23 de setembro, cunha duración de 93,65 días. Así, a estación estival supera en duración á primavera en case un dia, ao outono en máis de tres e medio, e ao inverno en preto de cinco. O día 21, á hora sinalada, o Sol atoparase no punto Cáncer da Eclíptica, ou Solsticio de xuño, acadando nese intre a súa máxima declinación (elevación con respecto ao Ecuador celeste). Como consecuencia, tamén estes días o Sol terá a mediodía a máxima altura posible sobre o horizonte e o albor e o solpor produciranse o mais ao norte posible, sendo así os días os máis longos do ano cunha duración na nosa latitude de aproximadamente 15 horas. O día 4 de xullo a Terra pasará polo Afelio, punto da súa órbita máis alonxado do Sol a mais de 152 millóns de quilómetros, fronte aos 147 que corresponderon á mínima distancia (Perihelio) do pasado 4 de xaneiro, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo. Nun verán sen eclipses, a choiva de estrelas Perseidas chegará puntualmente na noite do 12 ao 13 de agosto, aínda que como explica Docobo, nesta ocasión a Lúa, en fase case chea, non vai colaborar na súa observación. Nos vindeiros meses haberá algunhas conxuncións que o director do Observatorio da USC cualifica de interesantes. Así, no amencer do dia de San Xoán estará Venus moi próximo á Lúa e na noite do 5 ao 6 de xullo, será Marte quen se vexa preto do satélite terrestre e dous días despois, estará Saturno tamén con conxunción coa Lúa. Ademais, nas noites do 3 ao 4 de agosto e na do 31 de agosto ao 1 de setembro, haberá dúas interesantes conxuncións entre Saturno, Lúa e Marte. Segundo as estimacións do Observatorio Astronómico da USC, en torno ao 12 de xullo, Mercurio atoparase en boas condicións para ser visible a simple vista aproximadamente media hora antes da saída do Sol. Venus será o luceiro do Alba durante todo o verán e Xúpiter poderá verse só durante xullo e moi baixo no oeste logo do solpor. Como engade Docobo, Marte e Saturno serán visibles boa parte das noites de xullo e agosto. Actualmente, logo de anoitecer, Marte está situado en dirección Sur e Saturno á súa esquerda. Conforme pase o tempo iranse achegando e na noite do 25 ao 26 de agosto producirase a mínima separación aparente entre eles. Logo Saturno porase á dereita de Marte. Como explica José Ángel Docobo, o estío é especialmente recomendable para localizar constelacións no ceo e mesmo para contemplar a Vía Láctea dende lugares con pouca contaminación lumínica. Emblema da estación que agora comeza, é o triángulo formado polas brilantes estrelas Vega (constelación da Lira), Deneb (no Cisne) e Altair (na Águia). Os veráns en Compostela Segundo os datos meteorolóxicos obtidos na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller correspondentes aos últimos trinta anos, o verán mais chuvioso foi o de 1999 cando se recolleran un total de 352 litros/m2 en 31 días, seguido do de 2004 con 331 l/m2 en 28 días, aínda que o ano con máis xornadas de precipitación foi o de 1983 con 60 días, se ben en 32 delas de forma inapreciable (inferior a 0.1 l/m2). Pola contra, a estación máis seca rexistrouse o ano pasado (2013), con 46,7 litros/m2 en 10 días (houbo ademais sete xornadas con precipitación inapreciable), seguida da do ano 1990, con 47,7 litros/m2 en 19 xornadas. En 1889 rexistrárase o menor número de días con precipitación en verán, só chovera en 14 xornadas e 64.4 l/m2. En canto a temperaturas, a máxima absoluta destas tres décadas foron os 40º3 rexistrados o 20 de xullo de 1990, seguidos dos 39º7 do 12 de agosto de 2003. No verán de 1990 houbera 26 días con máximas superiores a 30º e outros 20 días en 2004. Tamén en xullo de 2013 houbera unha onda de calor cunha máxima de 36º9 o día 6. A temperatura máxima máis baixa correspondeu ao 19 de setembro de 2000, con só 12º5, mentres que a mínima mais alta fora de 23º9 o 20 de agosto de1993 e de 22º9 o 27 de xuño de 2012. Finalmente a mínima absoluta, 6º7, rexistrouse o 10 de setembro de 2002.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.06.2014.