Pasar al contenido principal

A Universidade de Verán aborda nun curso como combater o cambio demográfico en Galicia

O IDEGA acollerá a iniciativa que analizará as consecuencias e proporá alternativas entre o 14 e o 18

O cambio demográfico en Galicia leva consigo numerosas consecuencias que será abordadas no curso da Universidade de veránInclusión social e territorial fronte ao cambio demográfico’ que se celebrará entre o 14 e o 18 en Santiago e para o que xa está aberto o prazo de inscrición. A cita abordará numerosas cuestións relacionadas con esta temática como as novas oportunidades de emprego xuvenil ou o risco de exclusión social, ao tempo que pretende capacitar tecnicamente aos asistentes para redactar proxectos relacionados co cambio demográfico e captar fondos europeos no marco da estratexia Europa 2020, que promove o crecemento intelixente, sustentable e inclusivo. Outro dos obxectivos do curso é promover a conexión de redes de actores institucionais e/ou empresariais do terceiro sector con interese na inclusión social e territorial. O curso, que equivale a dous créditos ECTS, celebrarase no Instituto Universitario de Estudios de Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e consta dun total de 30 horas lectivas. Está dirixido a estudantes universitarios, de posgrao, doutoramento e aberto ao público en xeral que deben dirixirse ás áreas de cultura dos campus de Lugo ou Santiago ou na web http://www.usc.es/cultura/uveran14index.htm, onde tamén obterán máis información. O programa comprende conferencias que tratarán o impacto do cambio demográfico en Galicia e no contexto europeo incluíndo a celebración de varias mesas redondas para debater as consecuencias socioterritoriais desta cuestión así como as posibilidades de actuación ante esta situación. Os participantes no curso realizarán saídas e visitas para coñecer de primeira man iniciativas de inclusión social e económica que frean o cambio demográfico así como talleres aplicados para a elaboración e presentación de proxectos europeos de inclusión social fronte ao cambio demográfico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.06.2014.