Juan Viaño reivindica na súa toma de posesión como reitor da USC a necesidade de acometer cambios importantes na organización universitaria

No seu primeiro discurso como reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño anunciou “cambios importantes nos procesos de xestión, de calidade, de oferta académica, de investigación e de internacionalización”. O novo reitor asume que “estamos nun mundo globalizado e temos que artellar o noso funcionamento para ser máis eficientes e eficaces”. Neste contexto trazou o primeiro obxectivo do seu equipo de goberno para os vindeiros doce meses, “queremos medrar globalmente un cinco por cento”. Esta é, na súa opinión, unha meta “realista, plausible e, sobre todo, necesaria para ter un futuro distinto do que se debuxou nos últimos tempos”. “Conseguirémolo con coñecemento e con capacidade de análise, e nós temos ambas as dúas”, dixo ao tempo que sinalou que para alcanzar este obxectivo serán moitos os parámetros “que temos que mellorar”, como o número de estudantes de grao, másteres e doutoramento; os ingresos por investigación, por docencia e por xestión do patrimonio; os indicadores de reputación; a oferta académica e a mellora dos tempos de resposta ao público. Juan Viaño tomou posesión do seu cargo como reitor da USC nun acto protocolario celebrado este luns 9 no Colexio de Fonseca baixo a presidencia do titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e acompañado do ata agora reitor Juan Casares, e dos seus homólogos das Universidades de A Coruña e Vigo, Xosé Luís Armesto Barbeito e Salustiano Mato de la Iglesia, do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e do presidente do Consello Social da USC, José Mª Arias Mosquera. Comprendendo a acción de gobernar como a de “exercer a responsabilidade de dirixir, de tomar decisións que apunten a un novo rumbo baseadas na busca do consenso pero tamén na convición”, o reitor Viaño reafirmou a súa crenza na autonomía universitaria e engadiu que “o mellor xeito de demostralo é exercitándoa con responsabilidade”. A partir desta idea, comprométese a “cambiar os mecanismos de toma de decisións, a comprender as demandas e necesidades dos actores públicos e privados, pero sen renunciar á nosa razón de ser como Universidade e como universitarios”. “A Universidade máis cara é a que languidece sen recursos e sen rumbo. O máis barato é estar mortos. Non aceptaremos nin unha cousa nin a outra”, aseverou nun momento da súa intervención na que tamén dixo que a Universidade debe “propoñer e practicar solucións e non só reclamacións”. Na súa crenza nunha universidade pública e na igualdade de oportunidades, Viaño saudou que o goberno autonómico non suba as taxas ao tempo que lembrou que “a formación ten un custe elevado e debemos asumilo entre todos”. Na súa opinión, a sociedade precisa tamén que “os seus fillos e fillas teñan unha formación acorde coas necesidades dun mundo laboral cada vez máis esixente”. Como Universidades, “ comprometémonos a mellorar dúas cousas imprescindibles: a captación de recursos no eido público e privado e a ofrecer unha formación de calidade, que cumpra coas expectativas” e que permita aumentar o número de estudantes. Neste senso, dixo agardar da administración públicas colaboración, “esixíndonos o máximo pero asumindo o custe real deste compromiso público”. O reitor aludiu así a un novo plan de financiamento pero tamén a axuda “para a captación de novo talento docente e investigador e do apoio aos retos estratéxicos para Galicia que abordaremos nestes anos”. O novo reitor opina que os recursos non investidos en educación e investigación “non supoñen aforros, senón agrandar a fende entre o que somos e o que queremos ser; entre o que temos e o que nos gustaría ter”. Se as universidades non reciben os recursos necesarios, “a afectada é a nosa mocidade, porque se lles furta unha oportunidade vital: a posibilidade de aproveitar o talento e o coñecemento para unha maior riqueza e calidade de vida”. No seu discurso de despedida, Juan Casares Long reflexionou sobre o concepto de universidade e o seu papel na sociedade, tanto no presente coma no pasado e no futuro. Nun contexto complexo para a Educación Superior, “con desenvolvementos normativos que reduciron tanto o financiamento como a autonomía universitaria, o equipo de goberno que tiven a honra de dirixir nestes anos traballou con empeño e ilusión para facer fronte ás limitacións”. Casares Long agradeceu a todos os que o acompañaron nestes catro anos a súa ilusión e empeño e repasou os logros conseguidos pola USC neste tempo no campo institucional, económico, na actividade docente e investigadora, así como no relativo á responsabilidade social da institución. Para pechar o acto, o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo vinculou o desenvolvemento de Galicia como comunidade ao desenvolvemento da súa institución universitaria encarnada na USC cinco veces centenaria. O titular da administración autonómica considera que Galicia “ten unha débeda con esta universidade porque é o seu berce”, ao tempo que engadiu non ignorar os sacrificios realizados pola institución académica nos últimos anos.
Núñez Feijóo destacou a “riqueza indubidable” das tres universidades galegas para as que reivindicou unha visión de conxunto que permita “conservar e preservar un sistema único, sustentable e con capacidade de resposta ás demandas sociais”. Galicia atopa nas súas institucións universitarias “o seu fundamento e a súa forza”, concluíu o presidente da Xunta.
Na mesa presidencial estiveron acompañados dos reitores das universidades da Coruña e Vigo, do presidente do Consello Social da USC e do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Foto: Santi Alvite No mesmo acto, tomaron posesión os integrantes do equipo de goberno de Juan Viaño. Foto: Santi Alvite A cerimonia protocolaria celebrouse no Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite



