A última sesión de NerdNites do curso ofrece novas experiencias sensoriais para persoas con diversidade funcional

A última sesión de NerdNites deste curso estará adaptada a persoas con diversidade funcional, incluíndo actividades que lles permitirán vivir novas experiencias sensoriais. A cita, que se celebrará este martes 10 a partir das 22.00 horas no Centro Galego de Arte Contemporáneo, comezará coa charla da ortodoncista e investigadora da USC Flor Otero titulada ‘Canto somos de guapos?’ para a continuación a artista multidisciplinar Ánxela Pardo ofrecerá a actividade ‘Baile para cegos e música para xordos’ na que os asistentes poderán participar. A sesión rematará cunha observación do firmamento con telescopios e con axuda dos soportes Braille permitirá aos cegos coñecer o aspecto do firmamento, actividade na que colaboran o Club Compostelán de Astronomía ‘Vega’ e o programa ‘Astronomía na beirarrúa’ da USC. Todas as charlas contarán con intérprete de linguaxe de signos. Ciencia e diversión As Nerd Nites é unha proposta nacida hai anos en Estados Unidos e que se desenvolve en Santiago dende 2012. neste tempo se levan realizado numerosas sesións, que só neste curso ascenderon a seis. Nestas citas, celebradas en diferentes lugares da cidade, abordáronse temas tan dispares como o dereito no Planeta dos Simios, a física do divorcio, como calcular as temperaturas do ceo ou do inferno, ou unha revisión xurídica do universo de Star Wars, entre outros temas sempre tratados con humor dende a óptica da ciencia.