Pasar al contenido principal

Este xoves 20 ás 17.57 comeza a primavera

A primavera comeza este xoves 20 ás 17.57 horas
A primavera comeza este xoves 20 ás 17.57 horas

Este xoves 20, ás 17.57 horas, comezará a primavera no hemisferio Norte. Cunha duración de 92,75 días prolongarase ata as 12.51 horas do 21 de xuño, instante no que comeza o verán. O inicio rigoroso da nova estación vén marcado polo paso do Sol polo punto Aries, o Equinoccio de marzo, un dos puntos de corte da órbita terrestre (a Eclíptica) co Ecuador Celeste. Este xoves, a duración do dia e da noite serán teoricamente iguais. A partir deste momento os días seguiran medrando ata o solsticio de xuño, alcanzando entón na nosa latitude unhas 15 horas de duración. Ademais, este xoves o Sol sairá exactamente polo este e porase polo oeste, pero a medida que avance a estación primaveral, tanto o albor coma o solpor terán lugar cada vez máis cara o norte. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, tendo en conta que a primeira lúa chea desta primavera vai ter lugar o dia 15 de abril, o domingo da Pascua cadra o día 20, por ser este o domingo inmediato logo daquela. A festa da Ascensión en Santiago prodúcese sempre 39 días despois do domingo da Pascua. Fenómenos astronómicos Astronomicamente falando, o profesor Docobo adianta que esta Primavera “semella este ano non moi rica en fenómenos sobranceiros na Península”. Neste senso, non será visible a eclipse anular de Sol do 29 de abril, mentres que a eclipse lunar do 15 do mesmo mes verase só coma penumbral, e polo tanto difícil de percibir. No mesmo senso, o director do Observatorio apunta que arredor do 25 de maio “hai unha moi boa oportunidade para ver a simple vista o planeta Mercurio cara o oeste no crepúsculo vespertino”. Engade ademais que Venus continuará coma luceiro do alba, e Marte, na constelación de Virgo, será visible case toda a noite. Pola súa banda, Xúpiter, que actualmente se pode contemplar perfectamente no alto logo do solpor, irase poñendo cada vez mais cedo no transcurso da estación. Finalmente Saturno, que en marzo xa está saíndo a media noite, irao facendo cada vez antes e ao longo da Primavera estará visible practicamente ata o amencer. O vindeiro día 27, José Ángel Docobo explica que “asistiremos a unha conxunción da Lúa con Venus no este a últimas horas da noite”, ademais de dúas conxuncións da Lúa con Saturno os días 17 de abril e 11 de xuño. Neste último mes tamén se atopará Marte preto da Lúa na noite do día 7 ao 8. Ademais das clásicas choivas de estrelas desta época, as Líridas (22 abril) e as Eta-Acuáridas (6 maio), o paso do cometa 209/LINEAR podería dar lugar a outra choiva de estrelas o 24 deste último mes, neste caso con radiante entre a Osa Maior e Camelopardalis. Como explica o profesor Docobo, “remata un duro inverno en Galicia con 75 xornadas seguidas de choiva en Compostela ata o 5 de marzo, que deixaron 997,7 litros/m2”. Deste xeito “superáronse incluso os rexistros do chuvioso inverno do ano pasado cando se recolleran 720,5 litros/m2 en 73 días na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller no Campus Vida”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.03.2014.