Pasar al contenido principal

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC premiará a utilización da bicicleta

Os/as ciclousuarios/as da USC que se acheguen aos novos aparcadoiros de bicicletas situados no CIBUS e no Aulario de Medicina Novoa Santos recibirán un café e un xornal

Os ciclousuarios e as ciclousuarias da USC que se acheguen aos novos aparcadoiros de bicicletas situados no Centro de investigación en Bioloxía (CIBUS) e no Aulario de Medicina Novoa Santos recibirán un café e un xornal cada mércores e xoves a partir deste 19 de marzo e ata o 30 de abril. A iniciativa levarase a cabo nos propios aparcadoiros de bicicletas. O posto que dispensará os cafés e os xornais estará no CIBUS os mércores 19 e 26 de marzo, entre as 8.30 e as 9.30 horas, e tamén o 2, 9, 23 e 30 de abril. No Aulario de Medicina Novoa Santos ofrecerase o mesmo agasallo os xoves 20 e 27 de marzo, e durante o mes de abril os días 3, 10 e 24. A maiores, tamén se repartirán mapas do campus coa situación dos aparcadoiros de bicicletas. Esta iniciativa está promovida polos bolseiros do programa USC en Transición, que colaboran coa Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC. O obxectivo é estimular o uso da bicicleta como medio de transporte entre a comunidade universitaria e fomentar o uso dos aparcadoiros de bicicletas que existen no campus da USC. Deste xeito conséguese unha redución da pegada ecolóxica da USC asociada á mobilidade e promóvense hábitos de vida saudables.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2014.