Pasar al contenido principal

Aberta a preinscrición dun curso en liña de habilidades informacionais para docentes

As competencias informacionais son o conxunto de habilidades, aptitudes e coñecemento que capacitan aos individuos para recoñecer cando necesitan información, onde e como localizala, para avaliar a súa idoneidade e saber darlle o uso axeitado. Centrado nestas competencias, o grupo Gis-t do Idega, en colaboración coa Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información (AISTI), organizan un curso de perfeccionamento en habilidades informacionais para docentes. A finalidade é concienciar aos docentes da importancia que adquire o correcto tratamento da información no proceso de aprendizaxe do alumnado nos diferentes niveis de educación. Deste xeito, o programa do curso busca dotar aos profesionais da formación da capacidade para obter a información máis pertinente para satisfacer unha necesidade de información concreta. No seu desenvolvemento, os/as docentes poderán poñer en práctica novas metodoloxías de ensinanza e aprendizaxe que estimulen a adquisición destas competencias entre o seu estudantado, co fin de converterse en factor clave para o desenvolvemento das súas futuras actividades profesionais.

O prazo de preinscrición rematará o próximo 31 de marzo, abríndose a continuación o prazo de matrícula que se estenderá entre os días 1 e 18 de abril. O curso impartirase a través dunha plataforma de formación en liña avanzada entre o 21 de abril e o 20 de maio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2014.