Conmemoran o Día Mundial das Lipodistrofias cunha xornada sobre o estado da investigacion neste eido
O grupo de Patoloxía Molecular organizou este luns 31 xunto co Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do CHUS unha xornada que lembra a conmemoración do Día Mundial das Lipodristrofias. As lipodristrofias son un grupo heteroxéneo de trastornos que afectan ao tecido adiposo, xeralmente producido por unha desaparición do mesmo. A forma máis frecuente é a que se asocia ao tratamento con antirretrovirais de grande actividade na infección polo VIH. Os outros tipos de lipodistrofias son moi infrecuentes polo que se consideran enfermidades raras. Ademais das secuelas psicolóxicas que ocasiona a perda ou acumulación de graxa, os/as doentes con este tipo de doenzas adoitan presentar alteracións metabólicas (diabetes mellitus e dislipemia) e hepáticas (fígado graxo). Como consecuencias das mesmas, as persoas afectadas teñen un maior risco de padecer enfermidades cardiovasculares, pancreatite aguda ou desenvolver cirrose. A xornada celebrada este luns no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) baixo a presidencia do vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e a quen tamén acompañou o xerente de Xestión Integrada do Sergas de Santiago, Luís Verde, buscaba dar visibilidade a estas doenzas e informar á comunidade científica galega e a poboación xeral sobre as actividades que se realizan en relación coa investigación, asistencia e apoio ás asociacións de doentes con este tipo de trastornos. O responsable da Unidade de Lipodistrofias, o investigador David Araujo, referiuse as formas infrecuentes de lipodistrofia que se seguen na actualidade na súa Unidade, os resultados acadados ata a data con tratamento con leptina recombinante humana e os planes de actuación do Consorcio Europeo de Lipodistrofias (ECLip) para este ano 2014. Neste mesmo senso, a presidenta e fundadora da asociación de pacientes con lipodistrofia de Estados Unidos (Lipodystrophy United), Andra Stratton, referiuse aos primeiros resultados de Lipodystrophy Connect, o primeiro rexistro global de doentes con síndromes lipodistróficos infrecuentes. Completou a xornada o profesor Felipe Casanueva, xefe do Servizo de Endocrinoloxía do CHUS.