A compañía USC-Lugo abre este martes o XX Festival de Teatro Universitario coa representación de ‘Miosotis. Non me esquezas’
A compañía de teatro USC-Lugo abrirá este martes a vixésima edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo coa representación da obra ‘Miosotis. Non me esquezas’, unha obra baseada na Comedia sen Título de Federico García Lorca, adaptada e dirixida por Paloma Lugilde.
Esta obra parte do texto de Lorca de Comedia sen título ou o soño da vida, a partir do que se crea unha dramaturxia, onde a necesidade de non esquecer, da verdade do poeta, quere saír. A compañía de teatro USC-Lugo, cuxo elenco de actores estará formado nesta ocasión por Uxía Alonso, Lili Claro, Ramón Ferreira, Natalia Fernández, Dani Lago e Roberto Rivas, estreará a súa nova creación este martes, a partir das 18.30 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo. Asemade, ofrecerá un segundo pase no mesmo escenario a partir das 21.00 horas. Con ‘Miosotis. Non me esquezas’, a compañía de teatro USC-Lugo abre o programa de representacións incluído no XX Festival de Teatro Universitario de Lugo, cuxo cartel contempla un total de 11 actuacións/intervencións, a cargo de diferentes compañías de teatro do 1 ao 9 de abril no auditorio Gustavo Freire e nas instalacións do Museo Interactivo da Historia da Lugo (MIHL), que acubillará as sesións previstas para o 5 de abril. A entrada para asistir a calquera das representacións do XX Festival de Teatro Universitario de Lugo, un programa financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, é libre de balde para todas as persoas interesadas ata completar o aforo.