A USC cofundará coa Universidade de Heilongjiang un Instituto Confuncio para fomentar a cultura chinesa
A USC contará cun instituto Confucio para fomentar a cultura chinesa entre a sociedade galega. Así o recolle a carta de intencións que asinaron este luns 2 de xuño o reitor Juan Casares e os representantes da Universidade de Heilongjiang (China), xunto a outras propostas de colaboración entre as entidades que abordou a delegación chinesa na súa visita á Universidade de Santiago. A delegación, formada por representantes de diferentes facultades e institutos e entidades educativas da rexión chinesa, tamén abordou a posibilidade de realizar diferentes programas de colaboración e intercambio de docentes e estudantes coa USC e que se concretarán proximamente en convenios específicos. O compromiso de fundación do Instituto Confucio enmárcase na intención da USC de atender ás demandas e diversificar a oferta ao alumnado universitario que desexe coñecer novas culturas. O centro promoverá a ensinanza do idioma chinés en España e fomentará a cooperación e o intercambio entre os dous países nos eidos da economía, educación, cultura. O Instituto Confuncio é unha institución educativa sen ánimo de lucro que conta con sedes en diferentes cidades españolas e se dedica a difundir a cultura en lingua chinesa. As súas principais actividades comprenden a oferta de diferentes cursos do idioma atendendo á demanda local, formación de docentes para impartir o idioma, elaborar e promocionar diferentes materiais de apoio ao estudo e libros de texto do chinés, así como organizar o exame de competencia deste idioma (HSK), e outras actividades docentes, académicas e culturais para incrementar o interese da poboación cara a lingua e a cultura chinesa e o seu coñecemento sobre ela.