Últimas prazas para participar no Verán CampUSC
Despois de finalizar o primeiro período de inscrición aínda quedan prazas libres para participar no programa Verán CampUSC 2014, o programa lúdico de verán para nenos e nenas entre 3 e 13 anos. A iniciativa comprende 350 prazas para realizar múltiples actividades tanto ao aire libre como en instalacións deportivas en horario de 8.45 a 14.30 de luns a venres, organizadas en quendas de 15 días durante a ultima semana de xuño, o mes de xullo a e primeira semana de setembro, coincidindo coas vacacións escolares dos cativos e cativas e contribuíndo a conciliar vida laboral e familiar. Deste xeito quedan prazas vacantes para as quendas que van do 23 ao 30 de xuño, do 1 ao 11 de xullo, do 14 ao 24 de xullo, do 28 ao 31 de xullo e do 1 ao 9 de setembro. Verán CampUSC ofrece un total de 350 prazas, 70 para cada quenda de 15 días, que ademais de favorecer o entretemento saudable, estando todas as actividades organizadas atendendo ás idades dos participantes e seguindo criterios psicopedagóxicos. Algunhas das actividades deportivas que se desenvolverán son piscina, deportes de raqueta, colectivos, exercicios de psicomotricidade, orientación e xogos populares, entre outros. Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros como modelaxe, pintura, recortable, papiroflexia, cancións, xogos cooperativos e visitas culturais. As persoas interesadas en inscribirse teñen a posibilidade de realizar os trámites a través de internet e poden consultar máis información sobre a iniciativa en www.fundacionuscdeportiva.com. Verán CampUSC é unha iniciativa organizada pola Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC e coa que colabora o Servizo de Deportes da USC, a Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e a Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco.