Unha delegación de universidades de Mongolia visita o campus de Lugo da USC interesada na produción do sector lácteo galego

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto, e o adxunto para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, ofreceron este luns unha recepción á delegación universitaria de Mongolia chegada ao campus de Lugo a través dun programa Erasmus KA2 co obxectivo de coñecer máis en detalle os centros de formación, investigación e tamén explotacións e industrias do sector lácteo en Galicia, así como as súas potencialidades económicas e no eido da I+D+i.
A visita desta delegación de Mongolia ao campus de Lugo da USC é froito dunha acción impulsada en 2017 desde a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) da USC e que agora ten continuidade desde o grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC, cuxo coordinador, o catedrático Manuel Francisco Marey, tamén participou neste acto institucional, ao tempo que acompañará á delegación estranxeira durante a súa semana de estancia no campus lugués.
O acto de acollida que tributaron este luns Valcárcel Armesto e Varela Zapata aos representantes de diversas universidades de Mongolia serviu para presentar as singularidades e potencialidades do campus de Lugo, así como das liñas estratéxicas do Campus Terra, o proxecto de especialización a través do que a USC pretende enfocar e canalizar todas as sinerxías docentes e de I+D+i cara o aproveitamento e a optimización de todos os recursos ligados coa terra, o territorio, e economía circular e a sustentabilidade medioambiental.
Este breve acto institucional serviu tamén de preludio do intenso programa que prevé desenvolver a delegación académica chegada de Mongolia, e que contempla unha ampla quenda de visitas a diversos centros de formación e I+d+i relacionados co sector agrogandeiro, así como a explotacións e industrias lácteas.
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo e a Biblioteca Intercentros ocupan este luns as primeiras visitas da expedición oriental, unha comitiva que tamén aproveitará a súa estadía en Lugo para coñecer de primeira man o Cebiovet e o hospital clínico universitario Rof Codina. A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) da USC, a láctea Innolact, xurdida como spin off universitaria no campus de Lugo e asentada no municipio de Castro de Rei, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), a queixería Arquega e o mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde os visitantes asiáticos terán a oportunidade de coñecer os procesos de elaboración artesanal dos produtos lácteos realizados polos monxes, completan o intenso programa da delegación asiática chegada ao campus de Lugo cun programa Erasmus KA2.