Pasar al contenido principal

Unha mostra amosa en Fonseca o traballo de 150 anos de atención á diversidade do CEE Manuel López Navalón

A exposición poderá visitarse no claustro alto do Colexio de Fonseca ata o día 20 de xuño (Foto: Santi Alvite)
A exposición poderá visitarse no claustro alto do Colexio de Fonseca ata o día 20 de xuño (Foto: Santi Alvite)
A exposición, organizada pola comunidade educativa do centro e por campUSCulturae, poderase visitar ata o 20 de xuño

Unha mostra en Fonseca ofrece un percorrido polos 150 anos de historia do CEE Manuel López Navalón e o seu traballo pola atención á diversidade. O reitor Juan Casares inaugurou a exposición que, baixo o título ‘150 anos de atención á diversidade’, organiza a comunidade educativa do CEE Manuel López Navalón e CampUSCulturae, nunha cerimonia á que asistiron o a directora do centro, Fátima García e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira, entre outras autoridades e alumnos do centro. Durante a inauguración o reitor destacou tanto o labor do centro como do seu fundador polo seu compromiso compartido de ambas as dúas institucións coa diversidade e invitou a visitar a exposición e coñecer a súa historia. A mostra recolle en oito vitrinas diversos obxectos da historia do centro, como planos do edificio de San Caetano que o albergou, pasando por esculturas e outros traballos de alumnos e profesores así como diferentes aparatos antigos empregados para a rehabilitación de xordos, que foi o seu principal cometido durante moito tempo. Entre as pezas expostas destaca un astronógrafo datado en 1897, un instrumento didáctico inventado polo fundador do centro, Manuel López Navalón, que servía para ensinar aos cegos a duración dos días e das estacións, actualmente propiedade do Museo Tiflolóxico da ONCE en Madrid e cedido para esta mostra conmemorativa que se poderá visitar no claustro alto do Colexio de Fonseca ata o 20 de xuño. Especial vinculación coa USC A exposición conmemora os 150 anos de existencia do CEE Manuel López Navalón que ten unha especial relación coa USC xa que comezou en 1864 sendo un Colexio Rexional de Xordomudos e Cegos, baixo o patrocinio da Universidade de Santiago de Compostela. A USC a través da iniciativa campUSCulturae participa nos actos de conmemoración do 150 aniversario do único Colexio Rexional de Xordos en toda España que funciona ininterrompida dende 1864 ata actualidade e cambiou o seu nome en 2009 polo de CEE Manuel López Navalón, primeiro director do centro dende 1857 ata 1902. Actualmente o alumnado xordo é minoritario no centro, por canto os cambios lexislativos a prol da integración, posibilitaron a súa inclusión no ensino ordinario. No centro impártese educación para alumnos xordos e ouvintes nos niveis de educación infantil, educación primaria e 1º ciclo de educación secundaria, así como programas de cualificación profesional inicial e prestan atención a alumnos con problemas de audición e linguaxe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.06.2014.