Investigadores da Escola Politécnica Superior desenvolven un sistema de rego sostible en parques e xardíns públicos da Coruña

O grupo de investigación Fertirrigación e Necesidades Hídricas dos Cultivos (GI-1716 Proepla) da Escola Politécnica Superior da USC e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) acometen, en colaboración cun consorcio empresarial formado polas empresas Malvecín, Grupo ABN e Galtel Sensor Intelligence, un proxecto de investigación para desenvolver sistemas de rego sostibles especificamente adaptados a espazos urbanos verdes, tales como parques e xardíns.
O proxecto, denominado ‘Investigación industrial para o desenvolvemento dun sitema de rego sostible en parques e xardíns públicos-Water’ e que comezou a desenvolverse en novembro de 2013, conta con financiamento da Axencia Galega de Innovación e tamén con fondos Feder. Asemade, as actuacións proxectadas no marco desta investigación estenderanse previsiblemente ata xuño de 2015 e os resultados acadados serán validados en parques públicos galegos localizados na cidade da Coruña. O obxectivo principal deste proxecto de investigación céntrase no desenvolvemento dunha solución que permita o manexo do manexo de sistema de rego de xeito eficiente desde o punto de vista da xestión dos recursos: auga, nutrición e enerxía. A aplicación na que se traballa está baseada na identificación de hidrozonas homoxéneas, nas que se desenvolve a monitorización de cada hidrozona a través dunha rede inalámbrica de sensores que miden en tempo real parámetros de solo, da planta e do clima, así como nun control intelixente e remoto do rego das hidrozonas nas infraestruturas verdes das contornas urbanas. Os cometidos da investigación que se está a realizar no marco deste proxecto centrarase no deseño dun sistema para a racionalización dos consumos das hidrozonas, no que se teñan en conta os diferentes compoñentes da infraestrutura verde mediante o axeitado dimensionamento e zonificación do terreo, o emprego de novas tecnoloxías (TICs), o deseño de una solución de transmisión de datos eficiente vía radio, a selección dos diferentes sensores, unha linguaxe de xestión e demais elementos implicados, necesarios para o cálculo correcto da evapotranspiración de referencia e o coeficiente do xardín en cada hidrozona e en cada especie vexetal. No marco deste proxecto, os investigadores implicados no mesmo deseñarán nodos de monitorización en tempo real adaptados especificamente ás necesidades de medida dos espazos verdes urbanos e procederán á instalación de sistemas de ensaio para o cálculo en tempo real das necesidades hídricas de cada hidrozona, con capacidade de emitir os sinais precisos para o goberno do rego nas mesmas. De xeito parello ou como complemento aos traballos antes citados, o proxecto contempla a realización de deseño e a posterior fabricación dun sistema de condución intelixente con capacidade para integrar un rego sostible e aportar un equipamento completo de control antimicrobiano, de optimización do fluxo hidráulico e con gran resistencia a danos mecánicos. Este dispositivo implicará tamén de xeito parello aforro e racionalización do uso da auga e prestará especial atención ás necesidades sociais para así adaptarse a cada situación. Os autores deste proxecto acometerán ao mesmo tempo que desenvolven esta actuación outras dúas accións capitais. Así, procederán a estudar e a determinar os coeficientes dos xardíns e, por extensión, a análise das necesidades hídricas das especies implicadas no proxecto (cespede, Hortensia, Camelia, Coprosma kirkii y Metrosideros), coa finalidade de obter a cantidade de rego axeitada para as necesidades e finalidades reais das especies ornamentais. O deseño dunha metodoloxía de cálculo e análise con aplicacións para racionalizar a auga de rego por hidrozonas nas infraestruturas verdes das cidades será outros dos cometidos asociados.