Pasar al contenido principal

Un obradoiro sobre valores naturais e da paisaxe cita no Ibader a estudantes e docentes holandeses e do Máster Terra da USC

Este programa formativo, que se desenvolverá do 5 ao 7 de marzo, busca preservar a paisaxe e os valores naturais a través da promoción de sistemas alimentarios locais

Un obradoiro internacional sobre preservación da paisaxe e dos valores naturais a través da promoción dos sistemas alimentarios locais na Reserva da Biosfera Terras do Miño reunirá do 5 ao 7 de marzo na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural seis estudantes e tres docentes da universidade holandesa de Ciencias Aplicadas de Van Hall Laresntein, integrada na Universidade de Wageningem, así como nove alumnos do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio da USC. O obxectivo deste obradoiro internacional, en cuxas sesións tomarán parte ademais dos estudantes e docentes holandeses tres estudantes de posgrao ecuatorianos, un checo e un mexicano, céntrase en recoller as solucións propostas polos participantes para preservar a paisaxe e os valores naturais a través do fomento dos sistemas alimentarios locais en diferentes áreas xeográficas localizadas nas parroquias de Cela e Taboi, no concello de Outeiro de Rei. Estas demarcacións territoriais atópanse inscritas dentro dos límites do LIC Ladra-Parga-Támoga, á vez que forman tamén parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño. As distintas sesións programadas ao abeiro deste obradoiro internacional desenvolveranse desde este mércores, día 5 de marzo, no centro de interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño e nas instalacións do Ibader. Asemade, os participantes tamén realizarán visitas á granxa Arqueixal, emprazada no concello de Palas de Rei, así como ás áreas de estudo antes sinaladas e localizadas nas proximidades da capital luguesa. Os investigadores do Laboratorio do Territorio da USC, que promove a organización deste obradoiro de carácter internacional, salientan que os cambios producidos nos últimos anos nas referidas áreas de estudo polo abandono da agricultura tradicional, produciron a perda dunha serie de valores tradicionais e paisaxísticos. O fomento dos sistemas alimentarios locais dentro das áreas de estudo e nas súas inmediacións pode servir, na opinión dos organizadores deste obradoiro, para atallar os problemas rexistrados, creando maior valor engadido nos produtos, dándolles saída a través dos mercados locais, fomentando a incorporación de man de obra no sector agrícola ou promovendo unha agricultura menos dependente de factores externos e dos mercados internacionais. Os participantes inscritos para tomar parte neste obradoiro analizarán a problemática apreciada nestas áreas e tratarán de achegar solucións, un abano de propostas que se dará a coñecer o vindeiro venres, día 7 de marzo, a partir das 19.00 horas, no Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, no marco dun acto no que se agarda a participación de axentes locais. Esta sesión de clausura busca fomentar o debate sobre as estratexias a desenvolver en aras a promover unha agricultura sostible nesta reserva da biosfera que contribúa a conservar os valores naturais e paisaxísticos da mesma. Os promotores deste obradoiro sobre valores naturais e paisaxísticos agardan que os resultados acadados logo destas tres xornadas de traballo poidan servir tamén de exemplo para o deseño de futuras estratexias de actuación noutras localizacións da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Daquela, ademais das visita ás instalacións da granxa Arqueixal, en Palas de Rei, o programa deste obradoiro internacional tamén inclúe a celebración de tres relatorios. O enxeñeiro de Montes e experto no estudo de cambios de uso do solo, Eduardo Corbelle Rico, disertará sobre as dinámicas de cambio de paisaxe agrícola na área de estudo. Asemade, o biólogo da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Óscar Rivas, falará sobre os efectos producidos polos cambios antes descritos nos valores naturais, ao tempo que poñerá exemplos de como o fomento dunha agricultura sostible pode axudar a preservalos. O terceiro dos relatorios programados correrá a cargo de Marta P. Freire, da Cova da Terra, unha ONG de Lugo que está a desenvolver un programa de formación de mozos/as desempregados/as que desexan traballar na agricultura. A intervención de Marta P. Freire estará centrada no proxecto que están a levar a cabo na Cova da Terra, e tamén nas repercusións sociais derivadas do fomento dos sistemas alimentarios locais, que supoñen unha oportunidade para dinamizar a agricultura sostible nas áreas de estudo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.03.2014.