Pasar al contenido principal

Día Internacional das Mulleres na USC

Día Internacional das Mulleres na USC
Día Internacional das Mulleres na USC

Unha xornada arredor das mulleres na emigración, a inauguración da exposición coas 25 fotografías seleccionadas no III Certame ‘Ruth Matilda Anderson’ e un acto institucional conforman o programa de actividades deseñado pola USC arredor do Día Internacional das Mulleres en 2014. A xornada ‘Mulleres na emigración’ é a primeira das actividades programadas, o próximo mércores 5 de marzo baixo o lema ‘Do real á verdade do real: ao redor de ‘A cicatriz branca de Margarita Ledo (Galicia, 2012)’ e terá como acto central a proxección da película A cicatriz blanca e un debate posterior. Moderadas polo vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa, intervirán a catedrática de Comunicación Audiovisual, cineasta e escritora, Margarita Ledo Andión; a directora do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas ‘Gumersindo Busto’, María Pilar Cagiao Vila; a directora do proxecto ‘Ex-sistere’, Manuela Palacios González; e a coordinadora do grupo de investigación Rede de Investigadores en Demografía, Historia Económica e Migracións, María Xosé Rodríguez Galdo. Xa o venres 7, terá lugar o acto institucional conmemorativo do Día Internacional das Mulleres na USC, que presidirán o reitor Juan Casares xunto coa vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva. A sesión inclúe o recoñecemento do labor desenvolvido pola Escola Infantil Breogán da USC pola súa traxectoria en prol da igualdade, erixíndose nun servizo fundamental nas políticas activas de conciliación da vida laboral e persoal da comunidade universitaria compostelá. Exposición Despois do percorrido polos centros da USC, a exposición coas 25 fotografías seleccionadas no III Certame de fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’ trasládase ao centro sociocultural ‘José Saramago’ de Vite (Santiago), no que permanecerá dende o 5 ao 28 de marzo. O acto de inauguración terá lugar o xoves 6 de marzo ás 19:00 horas, coa presenza de vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo, e do concelleiro da Área de Participación Cidadá de Santiago de Compostela, Francisco Javier Noya Iglesias. Tanto esta actividade como a xornada ‘Mulleres na emigración’ forman parte do Festival Miradas de Mujeres, no que a USC toma partido xunto a un total de 18 universidades de toda España.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2014.