O foro ‘Ler o mundo hoxe’ busca potenciar a lectura como vehículo de promoción integral do universitario
A primeira xornada do Foro de lecturas ‘Ler o mundo hoxe’ celebrarase o 20 de marzo para propiciar, con vocación multidisciplinar, distintas interpretacións “arredor do mundo e das nosas sociedades, entre o local e o global, o analóxico e o virtual, os saberes científicos e a vida cotiá, en toda a súa diversidade”, explican os promotores desta iniciativa que organiza o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-Interea). Esta é unha actividade que se desenvolve ao abeiro da Rede Internacional de Universidades Lectoras, conformada por 46 universidades de toda España que deseña un conxunto de actividades comúns para a posta ren práctica de propostas e contornos favorables á lectura e á escritura na comunidade universitaria no seu conxunto. O obxectivo básico da rede é potenciar o papel da lectura e a escritura na Universidade, non só como ferramenta de traballo senón tamén como vehículo de promoción integral do universitario. A xornada do próximo día 20 na USC celebrarase nas Facultades de Psicoloxía e de Ciencias da Educación de Campus Vida. O reitor Juan Casares inaugurará a sesión na que intervirá como conferencia o escritor Luís Sepúlveda e na que tamén participarán o historiador e ex parlamentario europeo Camilo Nogueira, a escritora Anxos Sumai e a antropóloga e bloguea Montse Dopico. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web do grupo SEPA.