Pasar al contenido principal

A catedrática de Historia Moderna Margarita Torremocha diserta este xoves en Humanidades sobre a violencia no mundo urbano

O relatorio, que abre o ciclo ‘Igrexa e relixión na cidade moderna’, desenvolverase a partir das 17.00 horas, na aula 16 do centro universitario lugués

A catedrática de Historia Moderna da Universidade de Valladolid, Margarita Torremocha Hernández, abrirá este xoves, día 6 de marzo, a partir das 17.00 horas, na aula 16 da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, o ciclo ‘ Igrexa e relixión na cidade moderna’, cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Cidades levíticas e conflitividade. Heteroxeneidade na violencia no mundo urbano’.

Torremocha Herández abrirá así o programa ‘Igrexa e relixión na cidade moderna’, dirixido polo profesor do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC, Fernando Suárez Golán, e a través do que se pretende achegar ao estudantado lugués asuntos sociais e culturais de actualidade. Este ciclo de relatorios terá continuidade os vindeiros días 12 e 13 de marzo con outras tres charlas no salón de graos da Facultade de Humanidades. A catedrática de Historia Moderna da USC Ofelia Rey Castelao disertará o vindeiro mércores, a partir das 12.00 horas, sobre a misoxinia e o feminismo no clero barroco. Ao remate da súa intervención, a investigadora da Deputación da Coruña Ana María Sixto Barcia ofrecerá no mesmo escenario un relatorio baixo o título ‘Díscolas e contumaces. Vocacións forzadas femininas a finais do Antigo Réxime’. O profesor de Historia Moderna na Universidade de León Alfredo A. Martín García pechará o 13 de marzo este foro cun relatorio que leva por título ‘Igrexa, sociedade e caridade no noroeste peninsular durante a Idade Moderna. A asistencia a este ciclo de relatorios, organizado ao abeiro do proxecto de investigación ‘ Cidades, xentes e intercambios na monarquía hispánica’ é libre e de balde para todo o público interesado na temática. Así mesmo, as persoas que o desexen poderán solicitar un certificado de asistencia a través do enderezo de correo electrónico moderna.lugo [at] gmail.com (moderna[dot]lugo[at]gmail[dot]com).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.03.2014.