RedEmprendia Spin2014 ponse en marcha para impulsar o talento emprendedor universitario de Iberoamérica
Arrancan as actividades de RedEmprendia Spin2014, un evento internacional cuxa misión é impulsar o talento emprendedor da comunidade universitaria de Iberoamérica. A primeira actividade comezará este venres 15, que abre o prazo para participar nos tres programas cos que Spin2014 pretende fortalecer o emprendimiento universitario nas súas distintas etapas de desenvolvemento: IDEup, para madurar ideas emprendedoras; Model2Market, para acelerar modelos de negocio innovadores; e SmartMoney4Stars, para spin-off e startups que queren reforzar o seu crecemento coa busca de financiamento. IDEup seleccionará ata 30 ideas de estudantes e graduados/as das universidades iberoamericanas atendendo ao seu grao de innovación e ao seu potencial de impacto social e económico, e axudará a poñelas en acción. As mellores ideas poderán ser desenvolvidas, maduradas e incluso transformadas en prototipos, por quen as promova a través de FabLab Experience e 3Days2Spin, un intenso programa de formación en liña (catro semanas) e presencial (tres días) no que contarán co asesoramento de recoñecidos expertos. As tres mellores propostas recibirán un premio de 5.000$ USD cada unha. O prazo para participar en IDEup estará aberto entre o 15 de marzo e o 30 de abril de 2014. Model2Market (M2M) proponse acelerar ata 20 modelos de negocio de alto potencial innovador, dándolles o impulso que necesitan para completar o salto da Universidade á empresa. As propostas presentaranse a través das universidades e institucións de educación superior de Iberoamérica e as que resulten seleccionadas recibirán o apoio de mentores e expertos de prestixio no 3Days2Spin. Os promotores e promotoras terán unha oportunidade única de validar os seus proxectos ante clientes potenciais e ante un xurado internacional. Os tres mellores proxectos serán recoñecidos con premios de 30.000$, 20.000$ e 10.000$ USD respectivamente. As propostas poden inscribirse ata o 15 de maio. Por último, SmartMoney4Stars (SM4S) funcionará como un escaparate de oportunidades de inversión e networking, que reunirá a empresas consideradas como expoñentes e vangarda do coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico xerado nas universidades iberoamericanas. Este foro de inversión busca facilitar o acceso ao financiamento para startups e spin-off universitarias, a través dun encontro privado con inversores internacionais. As empresas interesadas poden solicitar a súa asistencia ata o 15 de maio. A información sobre os tres programas e as súas bases para participar están dispoñibles en www.redemprendia.org/spin. Las actividades de Spin2014 culminarán na Cidade de México onde se celebrarán dúas xornadas os días 29 e 30 de outubro. Agárdase a participación de máis dun millar de participantes vinculados ao mundo da inversión e a empresa, a administración, o emprendemento e a Universidade. O programa do evento inclúe charlas, debates, concursos, formación, networking e outras actividades cuxos grandes protagonistas serán as ideas, proxectos e empresas nacidas nas universidades de Iberoamérica. Especial relevancia terá a figura da muller emprendedora, que protagonizará unha liña de acción estratéxica baixo o título M 3: Mulleres que Moven o Mundo. Con esta iniciativa, RedEmprendia proponse que Spin2014 sexa o epicentro das iniciativas dirixidas a apoiar á muller emprendedora de Iberoamérica.