Pasar al contenido principal

USC e Deputación de Lugo exploran posibilidades para reforzar a programación de actividades na Estación Científica do Courel

Méndez, Rodríguez, Barreiro, Rigueiro e Guitián, na Estación Científica do Courel
Méndez, Rodríguez, Barreiro, Rigueiro e Guitián, na Estación Científica do Courel
O vicerreitor Andrés Barreiro, o director da ECC, Antonio Rigueiro, e a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, visitaron este luns o centro courelá

A utilización de parte das dependencias da Estación Científica do Courel (ECC) como sede dun aula de formación de maiores no marco da programación da Uned sénior é un dos proxectos nos que está a traballar a actual dirección da ECC. O catedrático da USC e director deste centro singular da institución académica compostelá dotado de instalacións e equipamento destinados a apoiar a investigación e a docencia en todas aquelas áreas relacionadas coa montaña luguesa, en particular e galega, por extensión, Antonio Rigueiro Rodríguez, trasladou esta proposta á vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, no marco dunha visita institucional na que tamén participou o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, e o investigador Manuel Antonio Rodríguez Guitián.

O proxecto de aproveitamento ou uso compartido de de dependencias da Estación Científica do Courel como sede dun aula de formación de maiores na montaña luguesa foi recibido como unha proposta de grande interese por parte da vicepresidenta da Deputación, quen incluso apuntou a posibilidade de habilitar a utilización das dependencias que a USC dispón en Seoane do Courel para visitas ou programas concretos de usuarios doutras aulas de formación de maiores xa operativas na provincia. As primeiras negociacións para a posta en marcha desta nova iniciativa formativa orientada cara as persoas maiores xa comezaron, segundo sinalou Antonio Rigueiro, quen subliñou que o emprazamento deste aula formativa para persoas maiores na Estación Científica Courel resultaría perfectamente compatible co resto de actividades que xa se están a desenvolver no centro. Rigueiro, precisou, sen embargo, que a posta en marcha deste aula de maiores require da sinatura previa dun convenio entre a USC, a Universidade Nacional de Educación a Distancia (Uned) e Deputación Provincial de Lugo, que contribuiría ao financiamento dunha nova actividade dun centro co que xa mantén unha colaboración estable. A visita de Lara Méndez á Estación Científica do Courel prodúcese no marco da colaboración xa existente entre a USC e a Deputación de Lugo, que financia cun total de 12.000 euros a ECC, unha contía que permitirá sufragar gastos de persoal e tamén actuacións de mantemento nun centro no que a USC pretende aumentar o número actual de prazas de aloxamento para así facilitar visitas e estancias de grupos máis numerosos. A habilitación como zona de aloxamento dunha ala da terceira planta da Estación Científica do Courel actualmente empregada como sala de usos múltiples é unha das actuacións proxectadas pola actual dirección da ECC e que permitiría incrementar ata 28 o número de prazas de aloxamento dispoñibles no centro a través da instalación de varias liteiras, segundo sinalou o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo. Andrés Barreiro, destacou asemade as enormes potencialidades dunha infraestrutura universitaria de nova construción e cunha dotación crecente de servizos e equipamentos científicos como é a ECC. Neste senso, Barreiro apelou á colaboración con outras entidades e institucións para facer un aproveitamento óptimo dunhas instalacións cuxa actividade está a medrar de xeito significativo. O investigador Rodríguez Guitián, que é un dos docentes e investigadores da USC que coordina e participa en varias das actividades desenvolvidas na ECC, sinalou que as instalacións da USC radicadas en Seoane do Courel recibe cada ano a visita de estudantes preuniversitarios dunha ducia de centros educativos, boa parte deles de fóra da provincia. A celebración de relatorios, cursos de verán, xornadas micolóxicas e o desenvolvemento de actividades prácticas no marco de varios posgraos oficias da USC constitúen outros dos cometidos que se desenvolven na actualidade nas dependencias da Estación Científica do Courel.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.12.2014.