A Aula de Teatro do campus presenta este mércores nas rúas de Lugo a intervención ‘E qué sentido ten se fas que non me ves?'
As persoas que participaron no primeiro dos obradoiros organizados pola Aula de Teatro do campus de Lugo presentarán este mércores, día 3 de decembro de 2014, nas rúas do casco histórico da cidade luguesa unha intervención que se desenvolve baixo o título ‘E qué sentido ten se fas que non me ves?
A intervención na rúa está dirixida e coordinada pola responsable da Aula de Teatro da USC no campus de Lugo, Paloma Lugilde, e consiste en que as diversas persoas participantes desenvolverán determinados exercicios de presenza e comunicación na rúa, a través dos que poderán concretar e por en práctica os conceptos aprendidos nas distintas sesións formativas celebradas no obradoiro de teatro. A comitiva teatral partirá ás 20.00 horas desde o fondo da Praza Maior de Lugo, onde emularán estatuas humanas, para logo orbitar pola Rúa da Raíña, onde tamén está previsto saltar á corda e convidar os transeúntes a participar neste exercicio con velas. A Praza do Campo Castelo e as rúas de viños tamén serán escenarios onde os/as integrantes deste grupo reciten versos e poemas.