Carreira e Carral presentan este xoves na Casa do Saber un ensaio sobre a agricultura familiar e a pequena escala
Os profesores da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Xoán Carlos Carreira Pérez e Emilio Carral Vilariño, presentarán este xoves, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o ensaio sobre agricultura familiar e a pequena escala ‘O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa: O caso galego’.
O enxeñeiro agrícola e ex profesor da USC Ramón Fuentes Colmeiro será o encargado de presentar e moderar o acto de presentación deste libro, no marco dunha sesión aberta ao público durante a que os profesores Carreira e Carral, autores deste ensaio, darán conta dos contidos incluídos nesta obra, ao tempo que falarán sobre as reflexións que suscita.