A USC participa este venres nunha xornada lúdica no Museo Provincial de Lugo co gallo do Día Internacional do Voluntariado

A Rede Lucense de Voluntariado, da que forma parte o Servizo de Participación e Integración Universitaria, organiza este venres 5 de decembro unha xornada lúdica no Museo Provincial de Lugo, co gallo do Día Internacional do Voluntariado.
O programa de actos ábrese ás 16.30 horas cun acto de benvida ás persoas que se acheguen ao Museo Provincial de Lugo, onde de seguido se desenvolverá unha xincana sobre o valor da acción voluntaria en Lugo e que vén ser o “froito da solidariedade” co que se lle da título a esta xornada, segundo indicou a responsable da Oficina de Voluntariado da USC no campus de Lugo, Fátima Teixeiro. Xa dentro dos actos centrais, esta xornada conta tamén cunha intervención da Compañía de Danza da USC e cuxos actores/actrices realizarán unha performance sobre o valor simbólico do voluntariado a partir das 18.00 horas. Ao remate desta actuación, darase lectura ao manifesto do día do voluntariado. Todos os actos organizados ao abeiro desta xornada co gallo do Día Internacional do Voluntariado teñen de fío condutor a historia dun carballo centenario. A voz protagonista do relato ‘Sementa unha idea’, escrito por Gloria López Castro e que pon o seu acento no valor da cooperación e o voluntariado. A celebración do Día Internacional do Voluntariado en Lugo ten a súa orixe no ano 2007 nunha iniciativa levada a cabo por dez entidades sociais, entre as que se atopa a Universidade de Santiago de Compostela e conta coa colaboración do Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, así como coa Fundación TIC.