Pasar al contenido principal

O Idega entregou os seus premios de investigación Valentín Paz Andrade e Xesús García Calvo

Os premiados, na fila superior, posando coas autoridades (Foto: Santi Alvite)
Os premiados, na fila superior, posando coas autoridades (Foto: Santi Alvite)

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC entregou este martes os seus premios ‘Valentín Paz Andrade’ de investigación en economía de Galicia e ‘Jesús García Calvo’ de investigación en desenvolvemento rural e cooperativismo. O acto presidiuno o reitor Juan Viaño no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e asistiron ademais a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia (CES), Corina Porro; o presidente da Fundación Feiraco, José Montes; o director do Idega, Xaquín Fernández Leiceaga; e o profesor da USC Xoán Carmona, que comezou a sesión coa lectura do relatorio ‘Emprendemento en Galicia. Unha reflexión a partir das figuras de Jesús García Calvo e Valentín Paz Andrade’. Premios Jesús García Calvo Logo da conferencia, tivo lugar a entrega dos premios Jesus García Calvo convocado xunto coa Fundación Feiraco co obxecto de contribuír ao mellor coñecemento e ao desenvolvemento do medio rural e do cooperativismo en Galicia. O traballo ‘Conflitividade social no medio rural galego (1939-1975): O caso dos montes veciñais en man común’, de Araceli Freire Cedeira, fíxose co premio na modalidade de textos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas. O xurado destacou del o carácter interdisciplinar da metodoloxía empregada así como a relevancia da temática de estudo: as relacións sociais articuladas arredor dos espazos comúns do monte. Pola súa banda, na modalidade de teses ou traballos de fin de grao ou máster o premio recaeu en Francisca Gago Guillán por ‘Os modelos de aplicación do Programa Leader 2007-2013 no Estado Español’, do que se destacaron como signos de calidade a relevancia da cuestión elixida e o “ ambicioso” tratamento dos modelos empregados en España. O xurado desta primeira edición do premio estivo composto polo reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Fundación Feiraco, José Montes; o director do Idega, Xaquín Fernández Leiceaga; o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña; e os docentes da USC especialistas na materia María Loureiro, Edelmiro López, Francisco Sineiro e Carlos Ferrás. Premio Valentín Paz Andrade Jesús Barreal Pernas, María Loureiro García e Juan Picos Martín recolleron o premio Valentín Paz Andrade polo seu estudo da causalidade dos incendios forestais en Galicia, que dos 29 presentados foi para o xurado o que “presenta maior relevancia para o progreso do coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia e fará posible, por medio das políticas defendidas, unha mellor asignación de recursos e un maior impulso ao crecemento”. Destacouse tamén especificamente o interese para Galicia da materia abordada no traballo, a análise multidisciplinar do tema a través dunha abordaxe integral do fenómeno que mestura consideracións físico-ambientais e socioeconómicas e a aplicación dun enfoque metodolóxico que garante o rigor e a calidade dos resultados. Ademais, valorouse a colaboración entre investigadores procedentes de distintas institucións universitarias de Galicia e a aplicabilidade dos resultados da investigación ao deseño de políticas públicas de prevención dos incendios no ámbito da política agro-gandeira, demográfica ou de ocupación do territorio, xunto coa inserción do traballo nunha liña de investigación consolidada e a notable traxectoria como investigadores dos asinantes.

Conformaron o tribunal o reitor Juan Viaño Rey; a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia (CES), Corina Porro Martínez; o director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), Xaquín Fernández Leiceaga; Emilio Pérez Touriño; Alberto Gago Rodríguez, Fernando González Laxe; Xoán Carmona Badía, en representación do consello científico do IDEGA; e Juan José Gallego Fouz, en representación do CES.

(Foto: Santi Alvite) (Foto: Santi Alvite) (Foto: Santi Alvite)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.12.2014.