Pasar al contenido principal

Dous investigadores do CiQUS, entre os 66 premiados mundiais do Thieme Chemistry Award 2015

Foto: CiQUS
Foto: CiQUS

Os investigadores da USC Martín Fañanás e Moisés Gulías acaban de ser galardoados co Thieme Chemistry Award 2015, un premio concedido polos comités de redacción das revistas científicas Synlett, Synthesis e Synfacts que cada ano recoñecen o labor dun reducido grupo de investigadores e investigadoras de todo o mundo ao comezo da súa carreira concedéndolles acceso libre e gratuíto ás tres publicacións. Martín Fañanás traballa no desenvolvemento de novos procesos catalíticos de alta eficiencia atómica no ámbito da química sostible coa fin de crear métodos para a conversión de materias primas, como por exemplo hidrocarburos, en produtos de alto valor sintético ou con potencial actividade biolóxica.

Pola súa banda, a liña investigadora de Moisés Gulías céntrase no desenvolvemento de novos métodos de funcionalización de enlaces carbono-hidróxeno mediante catálise metálica. Na práctica, pretende facer máis directo, económico, sinxelo e á vez menos contaminante o acceso a fármacos e outros compostos bioloxicamente activos, principalmente aqueles que teñen un esqueleto heterocíclico, que son a maioría.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2014.