Pasar al contenido principal

Ciencias acolle este venres o acto de graduación da primeira promoción de titulados en Nutrición Humana e Dietética

O reitor Juan Viaño presidirá a cerimonia académica, que terá como protagonistas aos 21 estudantes que remataron a súa formación na facultade do campus de Lugo

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo acubillará este venres, a partir das 18.00 horas, no salón de actos do centro universitario, o acto de graduación da primeira promoción de titulados no grao en Nutrición Humana e Dietética da USC, no marco do que se procederá imposición de insignias e á entrega de diplomas ás 21 persoas que completaron a formación académica para a obtención do título no período 2010-2014.

O reitor da USC, Juan Manuel Viaño Rey, presidirá esta cerimonia académica, na que tamén intervirán como relatores o alcalde de Lugo, José López Orozco; o deputado provincial delegado da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos; a a coordinadora do grao en Nutrición Humana e Dietética da USC, Olga Díaz Rubio, e o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos. Fernando Rodríguez Sánchez, en representación dos compañeiros de promoción, abrirá a quenda de intervencións deste acto e, ao seu remate, tomarán a palabra os profesores Beatriz Vázquez Belda e Jesús Casabiell Pintos, designados polo alumnado como madriña e padriño, respectivamente. Unha vez rematada a quenda de relatorios, o secretario da Facultade de Ciencias, Antonio Rumbo citará nomeadamente aos novos graduados/as en Nutrición Humana e Dietética, unha das titulacións do campus de Lugo con máis demanda e que o pasado curso rexistrou a terceira nota de corte máis alta de todos os graos ofertados pola USC en Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.07.2014.