Pasar al contenido principal

A USC presenta o I Máster en Industria Musical este venres en Cambados

Capacitar persoas para atender todos os ámbitos da industria musical é o obxectivo do I Máster en Industria Musical que se impartirá na USC e que se presenta este venres 4 ás 12.00 horas nas Bodegas Martín Códax en Cambados. No acto participarán o vicerreitor da Coordinación e Comunicación da USC, Xosé Pereira; o director do Máster e profesor da USC, Xaime Fandiño; os artistas Cristina Pato e Iván Ferreiro; o profesor de piano e integrante do innovador Taller Atlántico Contemporáneo, Nicasio Gradaille; o xerente de Espectáculos Lito, Ángel Martínez; e o director da axencia Esmerarte, Joaquín Martínez (Kin). Neste novo posgrao propio abordaranse os aspectos artístico, estético, sonoro, loxístico, de xestión, produción e comercialización da industria musical actual co propósito de conformar unha xeración de profesionais capacitados para a xeración de activos, a creación de valor engadido e a xestión de recursos artísticos e loxísticos na industria musical de Galicia. O máster contará coa participación activa de músicos, managers, produtores, compositores, promotores e xestores dos diferentes subsectores da industria musical. O alumnado poderá, grazas a eles, coñecer de primeira man a experiencia de reputados profesionais e artistas da industria e servirá para establecer accións de networking pensadas para favorecer a inserción laboral dos egresados. Este contacto directo facilitará tamén a orientación do estudantado en función dos seus intereses cara a unha carreira nas áreas artísticas ou de xestión.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.07.2014.